A conclusión dun amigo meu, e supoño que a de calquera, cando escoita manifestacións de políticos, e tamén doutros que non o son pero merecentes de selo, é sempre a mesma: «Esa xente non ten nada dentro da cabeza». E non o di só cando escoita a Fátima, a Mato, a Cospedal, a Gallardón ou a Montoro, entre algúns dos máis ocorrentes. Esa é tamén a conclusión a que chega cando, por exemplo, escoita ao presidente falar do ben que imos -xa non falamos dos que din que somos o exemplo do mundo- e, no mesmo xornal en que iso lemos, se nos informa de que 18.000 familias galegas con fillos menores viven en pobreza grave, xente que ás veces non ten que comer, fillos en desnutrición e só co desespero como porvir. Sen saírnos do mesmo xornal somos informados de que o Estado perdeu xa máis de 26.000 millóns de axudas á banca e só recuperou 4.400 e de que na máis recente operación, a da Catalunya Banc, se dan por perdidos 12.000 millóns, que hai que sumar aos 8.269 millóns adiantados para garantías diversas. Exemplos, infelizmente, hainos a esgalla. Penso que o meu amigo non ten razón: «esa xente», como el di, ten a cabeza ben posta e sabe moi ben que só uns cantos melloraron, e moito, coa crise, de maneira que a súa riqueza foi en aumento, como debe ser, mentres os máis se empobreceron ata non poderen nin subsistir, conforme ao previsto. Nada novo: o vello costume de que os pobres financien aos ricos. O que o meu amigo non sabe é que é doutrina explicitamente defendida polos nosos gobernantes que a desigualdade crea riqueza e progreso, que a igualdade é mediocridade e que só os mellores (os mellores son eles, por estirpe superior) son os chamados ao goberno do país. Supoño que empeza a comprender, por máis que lle custe tanto traballo. A min tamén.