Estradas neboentas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

04 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A semana pasada vin de Lugo a Mondoñedo nun bus pola estrada nacional, a de sempre. Ao pasar Abadín, metémonos na néboa. Un viaxeiro preguntou: «¿Como estará a autovía?». A resposta do condutor foi contundente: «Peor».

Nese tramo a néboa é unha constante e non ten solución: as luces non se ven e o único que se pode facer para evitar accidentes como o que aconteceu recentemente é pechar a autovía: cinco horas xusto ao comezo das vacacións de agosto. Os que trazaron autovía A-8 parecen ignorar o que todo o mundo sabía na provincia.

Preguntábame en medio da néboa que razóns os levaron a facer tal trazado, e veume á cabeza o que dona Emilia Pardo Bazán comenta na primeira páxina desa gran novela que é Los pazos de Ulloa: «Y era pendiente de veras aquel repecho del camino real de Santiago a Orense en términos que los viandantes, al pasarlo, sacudían la cabeza murmurando que tenía bastante más declive del no sé cuántos por ciento marcado por la ley, y que sin duda al llevar la carretera en semejante dirección, ya sabrían los ingenieros lo que se pescaban, y alguna quinta de personaje político, alguna influencia electoral de grueso calibre debía andar cerca».

Creo que, no que se refire a pescar e ás influencias que acomodan as leis á conveniencia dalgúns, seguimos como no século XIX.