Hai uns anos estaba de moda a «metrosexualidade» para falar de homes cun comportamento «feminino», cando en realidade do que se trataba era de constatar que, por fin, comezaba a esnaquizarse o mito do macho ibérico. Era unha fórmula para amosar que tamén hai unha parte da igualdade entre homes e mulleres que teñen que asumir eles, non só no parámetro socio-ideolóxico, senón tamén (¿por que non?) no estético. A «metrosexualidade», en fin, semellaba rachar con aquelas estupideces coas que nos educaran (os rapaces non choran, a roupa e os zapatos son cousa de mozas) e rompía de paso con outras tantas parvadas arredor da homosexualidade que contribuíron, e moito, a disfrazar de cool a máis noxenta homofobia.
Ata onte, eu pensaba que todo iso non fora máis ca unha oportunidade perdida, convertida en pouco máis ca unha moda pasaxeira. Pero onte tres homes duns 40 anos, sentados a xantar na mesa do lado nun restaurante vigués, demostráronme que hai unha versión masculina de Sex and the City (a serie Sexo en Nova York) na que os homes, cando están sós, empezan as conversas confesándose cánto botan de menos ás súas mulleres en vacacións. Acto seguido, e previo paso pola constatación maioritaria de que a nosa obsesión pola delgadez non ten nada que ver cos seus gustos, na mesa do lado falouse do amor, do desamor, de calcetíns, dos furanchos máis agachados e do ben que lle saía a un deles a fideuá, receita que pasou a ditarlles aos outros para que a apuntasen no smartphone para uns convidados que tiñan o domingo.
¿Ergueríame onte nunha dimensión paralela?, pensei. ¿Sigo no mesmo país no que xa sumamos 36 vítimas da violencia machista?