Lugar: unha pequena localidade galega, Pontecesures. A protagonista é unha nena de trece anos que berra na rúa, en pleno día, sinalando a dous homes. Atacárona sexualmente -di- e intentaron secuestrala. Os homes foxen, perseguidos polos veciños, alertados polos berros da nena. Agriden aos acusados. Aparece -afortunadamente- a policía, que detén aos dous individuos. Unha xuíza decide o seu ingreso en prisión.
A policía encontra contradicións e incongruencias na declaración da nena e comeza a investigar. Busca testemuñas e, !sorpresa!, encóntrase con que as testemuñas desmenten rotundamente a suposta agresión. As pescudas diríxense entón cara á nai da menor. E nova sorpresa: no seu ordenador persoal atopan correos dirixidos a terceiras persoas nos que afirma ter inventado os feitos e mesmo se xacta de ter conseguido que algunhas persoas declarasen ante a xuíza o que ela lles suxerira. Ante isto, a xuíza deixa en liberdade aos acusados e, tras, unha breve detención, á nai.
¿Que levou a esa muller a facer algo así? Nunca saberemos os motivos, a explicación profunda deses feitos. O xuízo, que se celebrará posteriormente, xa non será noticia. Disto queixábase dona Emilia Pardo Bazán, que se inspirou en máis dunha ocasión en sucesos reais e escribiu sobre eles, buscando un final que dá sentido aos feitos. O conto Xusticeiro é un magnífico exemplo. ¡Quen fora dona Emilia!