A longo prazo, todos calvos. Posiblemente esta sexa a frase máis repetida entre as atribuídas a Keynes; e aínda que como todas as simplificacións tende á inexactitude, si é certo que resume ben a interpretación da obra keynesiana que propón combater as crises económicas provocadas pola caída da demanda agregada (a suma do consumo, do investimento, do gasto público e do saldo neto exterior do conxunto da economía nacional) mediante un incremento do gasto público financiado, basicamente, a través do endebedamento. E mesmo, nos supostos de economías nacionais altamente endebedadas, mediante a redución desa carga da débeda a base de quitas, refinanciamentos ou mesmo condonacións.
Os remedios a curto prazo, sen preocuparse polas consecuencias a longo termo, seguen a ser defendidos por coñecidos economistas. Krugman, por exemplo, hai apenas unha semana, e criticando os axustes orzamentarios de Obama (no gasto sanitario, sen ir máis lonxe) e a significativa redución do déficit público que está a impulsar, defendía un maior gasto público e maiores déficits que se financiarían recorrendo á débeda co seguinte argumento: «Si, as actuais proxeccións seguen amosando que dentro duns anos aumentará a relación débeda-PIB, e que dentro dunha xeración experimentaranse niveis incómodos de endebedamento. Pero, dados os perigos claros e presentes aos que nos enfrontamos, é difícil entender por qué esa perspectiva distante e incerta debería converterse en prioridade política». Unha explicación plausible, se mo permite Barreiro Rivas, que axuda a comprender os motivos dos «pobriños xaponeses» para non mercar o crecepelo de Krugman: preocúpalles a alopecia da próxima xeración.
Moitas cousas teñen mudado desde os tempos de Keynes. As economías nacionais, que entón estaban basicamente pechadas ao exterior, hoxe están abertas de forma completa a escala continental, como na UE; ou mundial, por mor da globalización. Os Estados carecen, por elo e máis pola cesión de competencias monetarias e de comercio exterior cara organizacións supraestatais, dos instrumentos que tiñan nos anos 30 e 40 do pasado século. Mesmo o elevado endebedamento co exterior dalgúns países ten a súa orixe en razóns completamente diferentes: non estamos a falar do endebedamento imposto polas potencias vencedoras ás perdedoras tras a primeira Gran Guerra, senón dun endebedamento asumido de xeito voluntario por familias, empresas ou Gobernos democráticos que, neste ámbito, actuaron de forma soberana. E seguimos, como en tempos de Keynes e como resulta facilmente comprobable, sen atopar un remedio definitivo contra a alopecia, aínda que grazas aos avances técnicos e diante de problemas moi localizados (e cando as finanzas persoais o permiten) é posible achar casos «bonificantes» de éxito nos implantes capilares.
Porque ao final a realidade é que o emprego e a súa retribución dependen basicamente da productividade do traballo e que esta non muda dun día para outro; que a supervivencia e o éxito das empresas depende da súa competitividade, e que a rendabilidade do capital está suxeita a esa capacidade de vender produtos a prezos competitivos; e que os ingresos públicos dependen fundamentalmente das rendas reais que perciben tanto os traballadores como os investidores; polo que o recurso permanente e ilimitado ao endebedamento público, como recoñece o propio Krugman, é efectivo, no mellor dos casos, a curto prazo. Do mesmo xeito que imos sabendo que é o que causa a alopecia, pero non semella que exista o crecepelo definitivo. Aínda que algúns sigan a publicitalo e vendelo, como teremos ocasión de comprobar, unha vez máis, nos debates para a aprobación dos orzamentos autonómicos das próximas semanas.
Pedro Puy é Portavoz do PP no Parlamento de Galicia