Un falante máis

Román Rodríguez González FIRMA INVITADA

OPINIÓN

17 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño corenta e seis anos e nacín no Vento, Lalín. Pertenzo, pois, a unha xeración que foi medrando coa paulatina implantación cultural e social do Día das Letras Galegas. O persoeiro correspondente coa miña chegada ao mundo, o de 1968, foi o ourensán Florentino López Cuevillas, historiador e investigador, destacado membro de Nós que, sendo un magnífico escritor -aí están as súas Prosas-, orientou o seu labor cara á esculca, comparación e interpretación das raíces máis antigas do noso pobo. Eran tempos de desentrañar os alicerces da nosa identidade e, nese reparto de tarefas que aqueles grandes homes asumiron e levaron a cabo con disciplina colectiva, tocoulle a Cuevillas -farmacéutico que nunca exerceu, e funcionario de Facenda na súa cidade- a sistematización da arqueoloxía, traballo ao que se entregou con rigor científico.

Xaquín Lorenzo, etnógrafo e antropólogo, discípulo de D. Floro, a quen se lle dedicaron as Letras Galegas do 2004, fálanos del como un home moderno e avanzado, posto en cuestións literarias, moi afeccionado, daquela, ao fútbol.

Desde a miña perspectiva biográfica, e tamén como acaída reflexión nos escasos meses que levo á fronte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do Goberno da Xunta, xunto a miña voz á dos centos de milleiros de galegas e galegos que, desde os catro puntos cardinais deste noso país e desde as principais comunidades de emigrantes espalladas polo mundo enteiro, entoan a canción da nosa lingua e da nosa cultura, orquestrada, nesta ocasión, na polifónica obra do destacado polígrafo pontevedrés Xosé F. Filgueira Valverde, fundador do Seminario de Estudos Galegos, continuador da Xeración Nós, fundador do Museo de Pontevedra...

Desde ese espírito reivindicativo e participativo da celebración instituída pola RAG en 1963, asentada e incrementada ao longo de cincuenta e dous anos, tamén son consciente de que a miña responsabilidade esixe máis; facer que todos os días do ano sexan días das letras galegas. Un obxectivo no que centro o meu empeño e que será realidade, a pesar das limitacións actuais, a partir de proxectos comúns con todos e cada un dos colectivos e individualidades que loitan pola pervivencia da lingua e da cultura de Galicia.

Sexa, pois, esta data a confirmación dun punto de encontro, imprescindible para o debate construtivo, un elo que recolla as experiencias do pasado e que nos axude a construír o presente, a proxectarnos no futuro. Só desde a confianza mutua poderemos resolver as múltiples dificultades; encamiñémonos por vieiros de liberdade e de pluralidade. A lingua galega require, na actual encrucillada, partir dunha análise profunda da actitude dos falantes que teñen dado, sempre, unha lección exemplar de convivencia e respecto. Certo que o pulo normalizador é cousa de todos, pero na súa base está a concordia, non a imposición, os dirixismos políticos ou os conflitos.

Nese sentido, cómpre retomar a oferta de diálogo e de consenso formulada polo presidente da Xunta de Galicia, que xa estamos desenvolvendo en accións concretas e directas e que, sen dúbida, está aberta a achegas que determinen, a curto e medio prazo, un maior uso e emprego da lingua propia nos diversos sectores sociais. Deixémonos de preitos gravosos e de confrontacións estériles, actuemos coa grandeza que caracterizou os nosos devanceiros. Todos coincidimos en que o galego será o que as galegas e os galegos queiramos que sexa. Eu, polo que me toca, ofrezo neste dezasete de maio a miña man tendida e o compromiso dun falante máis. Sumemos.