Europa de volta na política

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

14 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Invertendo os termos do famoso debate Clinton-Bush. Porque o problema que estaba enriba da mesa entre Grecia e o Eurogrupo non tiña xa tanto que ver coa economía e a débeda grega como cun combate político-ideolóxico entre un modelo de acción política europea liderado por Alemaña e un outro que quere abrirse camiño -torpemente- dende o Goberno grego de Syriza. A semana que precedeu ao referendo grego deixou presentado este conflito entre dous modos de facer a política europea. O modo dos tecnócratas e as seguridades do seu modelo neoliberal que imperou nas últimas décadas, e un outro modo aínda indefinido que latexa por toda Europa e que fai fincapé na política democrática e a expresión da vontade popular, da vontade xeral. Tamén para as decisións económicas.

Non é como pensan algúns un conflito entre soberanías, europea e estatal, senón unha disputa por definir a forma de toma de decisións nunha Europa que non afrontou a cuestión en tempos da bonanza e vai ter que afrontala no tempo da crise. As decisións económicas víñanse tomando interpretando aos mercados e as súas necesidades, polo Banco Central Europeo, os ministros de Economía e, falando de débeda, o FMI, e politicamente a voz da chanceler Merkel dominaba sobre as demais. Pero non se definira que facer cando un Goberno non aceptaba as solucións -a expulsión do euro?-. E dende logo nin se pensara como actuar no caso dunha expresión popular de vontade en forma de referendo.

O referendo grego, que foi a vía adoptada polo Goberno de Syriza para a negociación cos países do euro, colocounos de novo no momento da historia, do acontecemento, da conxuntura de cambio. Cando pasa o que nunca pasara, ninguén sabe como reaccionar ao novo e as respostas vellas vense como tal. Cando as seguridades adquiridas volatilízanse e a resposta ao que acontece vai na procura dos lugares comúns e seguros do pasado, iso ten un nome coñecido dende hai máis de dous séculos: reacción. Asombrou nestas semanas que por primeira vez uns Gobernos europeos -español, alemán, italiano- criticaran politicamente a outro -grego-, como se fosen a súa oposición interna ou Gobernos de fóra da Unión.

De tal expresión de inamizade diriamos noutros tempos que ía alén do diplomático e anunciaba hostilidades. Hoxe, grazas entre outras cousas á UE, iso é imposible. Deu coraxe ver aos líderes socialdemócratas alemáns saír os primeiros a criticar ao Goberno grego despois do referendo -o vicechanceler Gabriel- e a cuestionar as posibilidades de negociación -o presidente do Parlamento Europeo, M. Schultz-, contrapondo a expresión directa da vontade dos gregos coa lexitimidade dos demais Gobernos europeos. Que se lles perdeu adiantando a Merkel? Volverán ser máis alemáns que socialistas? Esta expresión de incomodidade e desubicación da socialdemocracia dominante europea fálanos do cambio dos tempos, de que o conflito entre o novo e o vello que apreciamos en Galicia e en España é deste tempo e está en marcha.