Doado branco terrorista

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

26 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O sucedido o pasado venres no tren de alta velocidade que viaxaba de Amsterdam a París ten posto de relevo algo evidente: os trens son un branco doado para un atentado terrorista. O control de equipaxes que se realiza soamente nas estacións máis importantes é, tal como agora se fai, unha incomodidade para os viaxeiros e non ofrece ningunha seguridade. A presenza de dous marines americanos e a valentía doutros dous pasaxeiros evitaron unha masacre, pero cada vez que eu arrastro a miña maleta pola estación de Madrid para ir a Galicia ou a Alacante (os meus dous destinos máis frecuentes) e a subo ao aparato de control, xeralmente coa axuda dalgún amable pasaxeiro, penso o mesmo: ¡Que esforzo tan inútil! Porque na Gudiña ou en Villena sobe ao tren, sen ningún control, un terrorista cunha mochila e saltamos todos polos aires.

A seguridade total é imposible, e en moitos casos incompatible co respecto á intimidade, pero ou se fai control de pasaxeiros e equipaxes en todas as estacións ou moito me temo que o episodio do tren Amsterdam-París non vai ser o único.

A vida está chea de riscos, e non imos quedar pechados na casa, pero sexamos conscientes do perigo, e poñamos os remedios que dita o sentido común. Se os Gobernos aplicasen o diñeiro que gastan en auditorios e demais obras faraónicas á seguridade dos pasaxeiros mellor nos iría.