O leite, as vacas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

26 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ven, Mariquiña. Vai nacer un cucho». Chamaron por min e alá fun correndo da man do meu primo Manolo, á corte. Pegueime aos seus pés, e non pestanexei. Medráronme os ollos, arredondados. Non lembro exactamente canta xente había, pero andaría pola ducia de persoas.

Houbo que tirar del. Os veciños axudaban.

Seguín a vida daquela cría con especial atención, desde que a nai lle deu a benvida coa súa lingua, mirándonos de esguello, desconfiada. Sempre me gustaron os ollos das vacas, que rumian na realidade.

Ferver auga, poñer fariña, prepararlle as verzas, muxir a diario... na aldea é igual un luns ca un xoves ou un domingo. Sempre hai que facer. Sempre. As vacas dan moito traballo.

Nunca tomara antes leite sen tratar, e quixen facelo. Sóubome estraña, forte. Morna. Densa. Non puiden descifrarlle o sabor. Non sabía se me gustaba ou non. Pensaba na vaca, no seu tenreiro, nos traballos daqueles veciños, sen descanso. O leite sabía a todo iso. E eu sabíao. Porque aínda que non o vivía a diario, coñecíao ben. Quedábame preto.

Por iso é curioso que o valor deses animais, dese leite, se discuta en Madrid, onde xamais verían unha besta pola Castellana, e turrar dun cucho queda lonxe.

Con todo, non estou dicindo que sexamos mellores nin peores por iso. Non fai falla vivilo todo para entendelo. Se llo explicamos hano entender, e poden ter empatía. Pero hai que ter vontade de poñelo en valor e querer comprendelo. E moito me temo que non esteamos a utilizar o maior dos empeños nesta loita.