A matanza de Atocha

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

29 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

SIRO

Ás dez e media da noite do 24 de xaneiro de 1977, un comando de ultradereita entraba no despacho que un grupo de avogados laboralistas de CC.OO. tiñan no número 55 da rúa de Atocha, en Madrid, e asasinaban a Francisco Javier Sauquillo, Javier Benavides, Enrique Valdevira, Serafín Holgado e Ángel Rodríguez Leal; e ferían a Alejandro Ruiz Huerta, Miguel Saravia, Luis Ramos Prado e María Dolores González Ruiz.

Con aquel crime tentaban provocar aos militantes do PCE e alterar o orde para que o exército se vise na obriga de intervir e poñer fin á transición. Os asasinos, José Fernández Cerrá, Carlos García Juliá e Fernando Lerdo de Tejada, foron detidos aquela mesma noite. En marzo de 1980, Fernández Cerrá e García Juliá serían condenados a 193 anos. Lerdo de Tejada, sobriño da secretaria de Blas Piñar, non puido ser xulgado porque fuxira no 1979, aproveitando un permiso de fin de semana que lle concedera o xuíz instrutor. O tribunal condenou tamén a Francisco Albadalejo -secretario do Sindicato Vertical do Transporte Privado de Madrid- por dar a orde; a Leocadio Jiménez Caravaca por subministrar as armas, e a Gloria Herguedas, noiva de Fernández Cerrá, por complicidade. O delito prescribiu en 1997.