Diante do notario, na constitución da Fundación Ínsua dos Poetas, o meu amigo Domingo Manuel Calvelo Iglesias declarouse gandeiro, con total naturalidade. O resto dos futuros patronos, escritores, artistas plásticos, editores, homes e mulleres da cultura, olláronse estrañados.
Esoutro día, no debate de Vía V, Fernanda Tabarés volveu acertar convidando a unha moza e a un mozo orgullosos da súa condición, sensatos, con sólida formación e unha autenticidade pouco frecuente nos seus discursos. Víctor Bello e Ana Corredoira non caíron do ceo, son país real, integran a Galicia do século XXI, e hai moitos coma eles. Claro, descoñecidos para analistas chumbizos, predicadores da catástrofe e pontífices con folla de ruta.
Sorprenden estes herdeiros da tradición que apostan pola modernidade emprendendo, traballando, soñando. Fartos de abusos, saíron das explotacións nos seus tractores para reclamaren un prezo xusto para o leite que producen. Atoparon o apoio da cidadanía en Lalín, Arzúa, Lugo e Compostela, comprobaron que a unión fai a forza, recoñecéronse serena e fraternalmente, elaboraron táboas reivindicativas e afastáronse, con argumentos, dos sindicatos.
Defenden a terra dos pais e dos avós, reclaman futuro para os fillos; rachan tópicos, estereotipos, prexuízos. Manuel Iglesias, líder da OPL, e Roberto López, o que colleu o megáfono no pico dun tractor en Lugo, son voces firmes, falan galego de Barbeira e de San Vicente de Coeo, merecen confianza, moven e conmoven. A emoción de Ana Corredoira, ante as cámaras de V Televisión, falando das súas vacas, tróuxome a lembranza das as bágoas de don Ramón Otero Pedrayo, patriarca sabio, chorando en Trasalba por un enorme carballo barbaramente talado. ¡Terra a Nosa, rapaces!