Son moitos os chamados tratados de libre comercio, se ben algúns serán de calquera cousa menos de libre comercio, como ocorre, sen dúbida, co TTIP, xerándose en Europa, e co TPP, en Asia: a finalidade do primeiro é coutar e controlar a Rusia e a China a do segundo. O problema non son aranceis senón a imposición dunha hexemonía comercial e política.Trátase de acordos secretos, aos que se accede con moitas prevencións, non negociados cos Estados senón concertados á marxe dos cidadáns e dos parlamentos, ao máis alto nivel comercial e para beneficio das compañías farmacéuticas e outras grandes empresas que procuran total inmunidade, incluída a posibilidade de demandar aos Gobernos dos países onde operan e aínda con tribunais propios, non independentes. Isto último ten máis ou menos paralizado o TTIP, pero non se exclúe que, con algunhas modificacións, siga adiante. Tamén ao parecer, porque aquí todo é secreto, este é o aspecto que máis ten dificultado as negociacións entre Europa e os EE UU. O que non quere dicir que non se espere un atentado á democracia e a principios europeos nunca postos en cuestión. Así mesmo, témese que a harmonización lexislativa europea e americana, especialmente a laboral, sexa á baixa, así como a protección de sectores sensibles, como a seguridade alimentaria ou o respecto ao medio ambiente, entre outros, sen dúbida algunha supeditados ao beneficio empresarial e non ao servizo dos cidadáns. Non só o poder financeiro se ten apoderado dos gobernos, senón que tamén o está facendo da democracia. O que nos agarda, pois, non é de bo agoiro. A cidadanía está sendo desarmada e non se ve que poida gañar esta guerra. Porque nesa guerra estamos xa pero inermes, abandonados polos nosos supostos representantes.