París afánase en volver á normalidade o máis axiña posible. Os franceses esfórzanse. Incluso aquí facemos o mesmo. Convencémonos de que podemos ir pasear preto dos monumentos máis importantes, invocando as imaxes típicas de Nadal sen preocupármonos. Debemos asistir aos partidos de fútbol. Viaxar.
Dicímolo en voz alta e nos medios de comunicación para convencernos de que a seguridade está garantida. Pero tanto exceso de celo en amosalo non indica máis ca un medo latente no fondo.
Custa recuperarse do terrorismo. Das perdas de vida. Insisto, hai moitos lugares onde están a morrer os inocentes. Non pensemos só nos veciños. O problema é inmensamente maior.
Cando volveremos á normalidade?
Nunca. Nunca ata que se erradique esta peste, que se cadra é nunca.
Creremos que a cousa vai mellor cando volvan informarnos ata a saciedade do problema catalán, da CUP, do fútbol, da fraude do momento (a cada pouco aparece unha nova), das leas políticas, e incluso das dopaxes no deporte. Volveremos mirarnos o embigo e esquecer as vítimas máis afastadas.
Pero a realidade seguirá aí, latexando, implacable. Bombeando o sangue que nos corre polas veas para enchernos de viva. Bum-bum. Pero tamén bombardeando, deixando que o mesmo líquido vermello fuxa polas feridas levando á morte. Bum-bum.
Un latexo ou un disparo. Mesmo son. Bum.
Unha pulsación, unha bomba. Mesmo instante. Bum.
Todo baixo a mesma (a)normalidade, esa que nos negamos a analizar en profundidade se a guerra cadra lonxe. Mais está aí. Bum-bum.