O novo, o vello e o 3-En-Uno

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en pleno debate de inquéritos e prognósticos sobre os resultados das eleccións Quen non fixo apostas? As únicas certezas son que o día 20 saímos de dúbidas, a irrupción dos novos partidos e a crise dos vellos. Pendentes da dimensión da mudanza, parece que nesta longa campaña, máis que nunca antes, a demoscopia converteuse nun instrumento para tentar influír nos resultados máis que para analizar tendencias. A partir de aí todo cheira a un cambio profundo que se nota máis no desconcerto dos que non o entenden e na contundencia fosca dos que intentan conxuralo que nas propostas dos que o promoven. O cambio está aí e todo o mundo o sabe porque é un estado de ánimo colectivo que ninguén nega e quen menos os que están máis desgustados co que vén. O máis interesante é que ninguén deixa de percibir a transformación que vén: os novos porque a promoven e o queren e os vellos porque como xa o viviron en 1982 saben mellor que ninguén a que cheira.

A diferenza do triunfo de Felipe González en 1982 aquí pode haber varios gañadores posibles e varios gobernos posibles. Hai máis incerteza e por iso moita máis normalidade que cando todo o mundo esperaba que gañaran por fin os demócratas antifranquistas -sete anos despois da morte de Franco- para alonxar a pantasma do golpe de Estado e garantir coa alternancia a democracia de verdade naquela altura. Daquela só podía ser dun xeito, pero agora o cambio non é unívoco, precisamente porque pasaron catro décadas de democracia. A alternativa é normal; como mesmo é normal a aparición de novos partidos: un reaxuste necesario dunha nova democracia de corenta anos que vén dunha longa ditadura doutros corenta. Nada ten de excepcional en democracia unha incerteza que depende da vontade dos votantes: pode gañar e gobernar unha dereita vella cunha dereita nova, unha esquerda nova cunha esquerda vella, unha grande coalición nova e mesmo unha grande coalición vella e aínda máis. Racha por fin o frontismo das dereitas e aumenta a capacidade de representación e de elección dos cidadáns.

Para anovar un sistema político que se seguía vendo a si mesmo como novo, pero que estaba en realidade inzado de corrosión apareceu un remedio clásico para desenferruxar. O clásico 3-En-Uno: o cambio na dereita, o cambio na esquerda e o cambio no nacionalismo. O efecto combinado das tres renovacións pode verse en Galicia, en Navarra, en Cataluña ou en Valencia. En conxunto afecta en todo o Estado -en Andalucía ou Madrid na versión 2-En-Uno- e remove o sistema. Esta nova ilusión de saberen os votantes que o resultado depende de verdade deles dálles un poder aos cidadáns que non se van cansar de saborear mentres poidan. Por iso todo será seguramente diferente, mellor para democracia como sistema e peor para as castas que retrata Owen Jones e para os comisionistas que coñecemos todos os días entre os vellos deputados. Esa esperanza vese xa no inquérito do CIS, nese 75 % que se declara feliz entre 7 e 10. Unha parte deles son quen van mudar isto co seu voto, a mesma parte que non se esquece do 13 % que se declara pouco feliz ou infeliz. O cambio alegra e promete.