Gústame a naturalidade coa que Cristina Pedroche pode rir, chorar, poñerse dos nervios, asombrarse, emocionarse... diante da cámara. E gústame moito máis aínda a sinxeleza desa filla de pais traballadores que loitou por ter uns estudos e un posto de traballo digno. Por todo iso, agardei que o tan anunciado vestido que ía levar o día de fin de ano para saír en antena, explicando as doce últimas badaladas do 2015, fose un vestido elegante, discreto, sinxelo e, a poder ser, dunha cor que pasase desapercibida.
Un vestido parello ao que levase o seu compañeiro de conexión. Un vestido que non agochase a intelixencia, fermosura natural, traballo, bo facer, dozura e esforzo que Cristina ten e colleitou.
Gustoume esa Cristina rebelde que se arrepuxo ás críticas sobre o seu físico, por non ser unha muller tísica que incumpre os canons inexplicables impostos na sociedade. Ela é moito máis fermosa, abofé. Por iso agardaba que lle saíse a mesma carraxe e se negase a despedir o ano desa guisa. Claro que pode ir como queira, faltaría máis. O problema non é ese. A cuestión é que xamais agardamos que un home apareza semiespido para gañar audiencia. É un dos motivos polos que agardaba que ela dixera non. Porque o ía facer igual de ben cun vestido que non lle fixera coller unha catarreira. E ademais, estariamos máis pendentes de saber que dicía que de como ía adobiada. Necesitamos Cristinas que digan «teño frío, dóenme os pés polos tacóns, e quero un compañeiro vestido en consonancia co meu escote».