¿Saímos da nada ou de Deus?

OPINIÓN

12 may 2016 . Actualizado a las 18:20 h.

Éa pregunta máis elevada que pode formular o ser humano: de onde saíu isto do que estamos feitos nós e o que nos rodea? As leis da ciencia rexen a evolución de todo o que existe, pero tirando do fío chegará un punto no que atopemos os abismos da nada e o infinito, e os conceptos de nada e infinito sonnos tan imposibles de aprehender como o concepto de Deus. Non entendo o rebumbio que se está a formar agora con estes pensamentos de Hawking. Non son ningunha novidade; sen ir máis lonxe, xa se manifestara neses termos na súa visita a Galicia hai dous anos. Dicir que o universo se creou a partir da nada é tan acto de fe como dicir que foi creado por Deus. Ámbalas dúas posturas son indemostrables cientificamente por non existir un algo sobre o que a ciencia poida pousar os seus ollos para desenvolver un razoamento. Que queren que lles diga: a min paréceme duro razoar que da nada poida saír algo máis que a nada (ollo, o baleiro do universo é algo que xa ten existencia en si mesmo, é moi diferente da nada). É esta unha postura que atopei na maioría dos grandes científicos que coñezo. De feito, unha enquisa da revista Nature concluíu que a maioría deles non atopan incompatibilidade entre a súa condición profesional e a solución relixiosa para a pregunta sobre a creación. Moitos físicos estamos nese bando, e é que xa o dicía Einstein: é difícil para un físico escapar dun certo sentimento relixioso, na forma de asombro extasiado ante a harmonía e beleza da lei natural.