«Brexit» científico

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

05 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1665, Isaac Newton ocupou a cátedra científica máis famosa do mundo: a Lucasiana da Universidade de Cambridge. En pleno século XIX, a universidade española aínda discutía se merecía a pena impartir estudos científicos. Este exemplo ilustra a enorme vantaxe en tradición da ciencia británica, explica en parte o seu dominio histórico e é responsable de que no Reino Unido exista hoxe unha boa base de talento investigador.

Ese corpo de investigadores fai que tres institucións británicas lideren o ránking da UE na captación de fondos de elite concedidos polo Consello Europeo de Investigación. A cantidade conseguida por ese país nestas convocatorias competitivas europeas é enorme: supón 1 euro de cada 4 dos movidos pola ciencia do Reino Unido no seu conxunto. Isto leva tanto tempo sendo así que xa se converteu nun feito estrutural: o goberno do Reino Unido só inviste en investigación o 1,6% do seu PIB (moito menos que Alemaña, 2,9%; ou Francia, 2,3%), porque sabe que os seus investigadores van gañar os cartos que faltan nas convocatorias competitivas da UE. A cota anual que paga o Reino Unido á UE é de 17.000 millóns de euros; a súa ciencia conseguiu da UE 1.400 millóns de euros nos últimos 2 anos. Ante este panorama, xa se poden imaxinar o que opinan os científicos británicos do brexit: nunha enquisa recente, case o 85% son partidarios de permanecer en Europa. Tremen coa idea da ruptura, porque con ela voaríanlles unha parte significativa dos seus orzamentos.