Xúpiter magnético

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xúpiter pode verse estes días ao anoitecer como o segundo punto máis brillante do ceo un pouco máis arriba da zona de posta do sol. En 1610 Galileo Galilei apuntoulle co seu pioneiro telescopio e descubriu catro luciñas que lle daban voltas en cuestión de poucos días. De feito, a máis interior (chamada Ío) dálle unha volta completa en menos de 2 días (circula 17 veceO máis rápido que a Lúa). Decatouse de que eran análogos da nosa Lúa, pero sen virar ao noso redor, o cal foi concluínte para confirmar que a Terra non é o centro do universo.

En Xúpiter todo é xigantesco. O tamaño do noso planeta con respecto a el é como o dunha bóla de radio Santiago- Madrid con respecto á Terra. Pero a súa meirande animalada quizais sexa o seu magnetismo: é un imán 20.000 veces máis potente que a Terra. Iso indica que ten unha capa metálica, que crea ese imán ao rotar co planeta (dá unha volta sobre si mesmo en só 10 horas). Iso si, como Xúpiter é voluminoso, na súa superficie o efecto é como o dun imán dos de pegar na neveira separado un centímetro e pico. Pode parecer pouco, pero os seus efectos chegan ata o planeta Saturno, que lle queda tan lonxe a Xúpiter coma o Sol. A sonda Juno, que caeu por alí estes días a unha velocidade récord de 265.000 km/h (grazas ao acelerón desa caída), orbitará ese entorno magnético para estudalo. Ao mesmo tempo será achicharrada pola radiación emitida polas cargas eléctricas aí atrapadas: en ano e pico chupará o equivalente a 100 millóns de radiografías dentais.