Casares en agosto

Luís G. Tosar
Luís González Tosar A CANEIRO CHEO

OPINIÓN

06 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro que fixen, nada máis entrar na habitación do hotel en Toronto, agosto de 1989, logo de pousar a valixa, foi abrir as cortinas da fiestra. Cando puiden ver tras os cristais, fixérase noite. Entre milleiros de luces, destacaba un edificio enorme cun letreiro vermello na cima: Toronto Star. Sen reparar moito no resto da vista, impresionante, marquei o número do cuarto de Carlos Casares: «Sabes que estamos fronte por fronte do periódico no que Hemingway comezou a escribir nos anos 20? Do que foi correspondente na época de París? Si, o Toronto Star, estouno vendo». Falaramos de varios escritores durante a viaxe Madrid-Toronto, especialmente de Hemingway. Tamén en agosto, uns dez anos antes, levei a Carlos a Ameneiro, Calo, á casa de Aurora, para encontrarnos con Enrique Líster. Afeccionado ás biografías, il lera as Memorias de un luchador, interesáballe, en especial, a relación do autor, o veterano heroe do Exército republicano, con Hemingway. Foi unha tarde deliciosa, á sombra da uveira. Líster lembrou, entre outras cousas, Por quien doblan las campanas, novela que detestaba, como se coñeceran antes da batalla de Guadalajara -encontro que captou Robert Capa nunhas célebres fotos-, e do mal que lle sentara ao escritor a súa humorada cando lle preguntou pola sona de que non era español. «Porque non o son», seica lle dixo. «Cal é pois a súa nacionalidade?», inqueriu, estrañado, Ernest. «Galego», contestoulle Enrique, entre as gargalladas dos presentes. Benvido, pois, o libro que La Voz de Galicia distribuirá co xornal mañá, domingo: Os agostos de Casares.