A Galicia de 2016 é unha Galicia máis débil no económico, no demográfico e no social que a Galicia de 2009. Esta terra ten hoxe uns sectores productivos menos puxantes, menos emprego, menos oportunidades para a cidadanía e o peso de Galicia no Estado caeu. O proxecto político dos conservadores esgotouse en Galicia tras dúas lexislaturas nas que o interese nas políticas de recortes obviou a necesidade de facer política e política económica de altura en clave de país. As medidas propagandísticas do goberno nesta etapa electoral non arranxan os problemas estructurais do país, nin orientan unha senda sobre como facelo.
A realidade económica e social dos galegos non é boa, e milleiros de cidadáns tiveron que buscar oportunidades fora do país. Nembargantes, a imaxe recreada polo poder político conservador tenta amosar as avantaxes inexistentes da maioría conservadora. Pero esa imaxe non serve para gañar eleccións. Anteriores citas electorais fixeron que por primeira vez os socialistas gobernemos tres das catro Deputacións, e que o PP só goberne unha das sete grandes cidades galegas, e que o faga en minoría. A imaxe de forza de Feijoo non casa cós recentes resultados electorais galegos, incluidos os das últimas eleccións xerais. Se a esquerda non erra, o PP de Feijoo perderá a maioría absoluta e dará paso a un goberno galego progresista.
Galicia só tivo gobernos de esquerdas cando os lideraron os socialistas. Así foi nos anos oitenta co presidente Fernando González Laxe e no 2005 có presidente Emilio Pérez Touriño. E foron gobernos que deixaron unha impronta de avance, benestar e modernidade na historia do país. Agora, cando os galegos están chamados as urnas, convén recordar que os socialistas, aínda que cometemos erros, sabemos gobernar con éxito, e que a alternancia é positiva en democracia.
O PSdeG-PSOE é alternativa de goberno ao PP. E para iso iniciou un proceso de renovación en clave de futuro, poñéndose na vangarda da nova política ao ser o único partido que elixiu ao seu candidato nunhas primarias competitivas e reais. Sabemos que os procesos de cambio xeneran reticencias, pero tamén que a cidadanía pedía cambios aos socialistas, e que a unidade dos socialistas nas institucións está garantida e a capacidade de goberno contrastada.
Os socialistas galegos temos un compromiso de país baseado nunha renovación solvente do proxecto, das ideas e do programa de goberno. A modernización económica, as políticas de benestar, a creación do emprego, a calidade do mesmo, están na axenda prioritaria dun novo goberno galego. A economía é a clave de futuro do país. E o candidato socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, ademáis de ser o candidato das bases, representa coma ninguén o coñecemento da economía do país e a posibilidade real de apostar pola modernización e dinamismo da economía galega. Non nos resignemos a crer que Galicia ten que seguir perdendo peso económico, demográfico e benestar social. O PSdeG é necesario.