Hai trinta e sete anos expliquei un breve curso de poesía galega na Facultade de Letras de Palma de Mallorca, convidado polo profesor de Filoloxía portuguesa Perfecto Cuadrado, home intelixente, culto e humorista onde os haxa, ademais de engaiolante prosista epistolar. Entre os alumnos estaba un mozo menorquín chamado Ponç Pons (1956), que acaba de enviar á biblioteca da Real Academia un exemplar do seu último libro, fermosamente impreso: Camp de Bard (Barcelona, Proa, 2015). Confeso que tiña noticias unha miguiña imprecisas deste poeta, moi premiado na comunidade de lingua catalá. Este mesmo poemario recibiu, nese 2015, o Premi de poesia Miquel de Palol. É un libro no que o poeta se debruza sobre «a vida, a arte, os autores que admiro, as historias bíblicas, o desconcerto do mundo e a indagación do sentir existencial». Así sintetiza o seu poemario o autor nun breve limiar (que traduzo en parte).
Folleo o coidado volume e bato, nas páxinas 107 a 109, cun poema de 52 versos en idioma galego titulado Os latexos da néboa, un poema literariamente excelente e lingüisticamente cheo de acertos. Aborda na primeira estrofa a realidade da emigración: «Galicia mai, / de panos da man brancos / en barcos con adeuses». O autor aclárame en carta que leu, xa de novo, a Rosalía, a Curros e ao Celso Emilio Ferreiro de Longa noite de pedra, os poetas que eu expliquei naquel curso de 1980 e que «despertó en mí un pasional interés por la cultura y la literatura gallegas». Xa na segunda estrofa, o noso poeta recoñece: «Amo esta lingua / que loita por ser lume / e galizado escribo». Xa de cheo na condición social dos poetas galegos amados, promete: «Faremos que as palabras / labregas de emigrados / devanceiros non teñan / xamais que axeonllarse».
Estamos, pois, ante un poeta alófono en lingua galega, un poeta que ten, como lingua autófona, o catalán. Sabido é que non se trata do primeiro. En 1911 escribiu dous breves e valiosos poemarios no noso idioma Carles Riba (1893-1959), quen non tardaría en ser un dos grandes poetas cataláns do século XX. Aprendeu a nosa lingua, e nela poetizou, por amor, por amor a unha mociña barcelonesa filla de galegos. En 1916, Miquel Ventura Balañá, de Reus, publicou ¡Fala armoñosa, non, non morrerás!, opúsculo poético que foi froito dun sentimento de solidariedade cunha fala que vivía en circunstancias adversas. Hai outras voces procedentes das terras de lingua catalá (entre elas, a de Matilde Lloria) ás que cómpre engadir hoxe a de Ponç Pons, autor duns latexos da néboa que tamén son programáticos: «Mandaremos os novos / caciques deslinguados, / a un limbo sen futuro / de frío esquecemento».