De plaxios e citas

OPINIÓN

06 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen non fala pola boca dos demais? Semprún dicía que as citas son as muletas dun pensamento coxo e inseguro, coma o meu, ou coma o dese político local que abría os seus discursos coa frase: «Churchill e mais eu pensamos...», un xeito inocente de validar unha prédica da que o escritor e estadista británico non era responsable. Con todo, aí está a tentación irresistible de se arrimar á creación dos outros. Cando lemos ou escoitamos algo orixinal, esperta en nós un desexo furioso de plaxio. Hai quen non terma de si e copia descaradamente as fontes, facéndoas propias, asumindo o risco de caer no máis absoluto desprestixio. Outros, con máis tento, copian a idea, a música, o pensamento, e retorcen as frases ou as melodías elixidas para enmascararen a mensaxe nun formato novo que non arrastre un tufo alleo. É certo que hai creación espontánea que toca lugares coincidentes, e é doado escoitar a artistas que afirman con vontade fundacional que somos o que soñamos, o que lemos ou que escribimos para que nos queiran máis. Son pensamentos sucesivos, recorrentes. Por riba, nas redes escasea o control efectivo da obra por mor do exceso de tráfico roubado, unido á falta de respecto pola propiedade intelectual. Na música tamén existen as tentacións. Estes días vén de se admitir a trámite unha demanda contra Shakira e Carlos Vives por plaxiaren a un artista cubano. É un problema vello. Para Goethe a orixinalidade non consiste en dicir cousas novas, senón en dicilas coma se nunca fosen ditas. Talvez o máis atinado foi Marcial, que xa se burlaba nos Epigramas dun poeta que, sen disimulo, lle plaxiara o texto, non a dicción: «O que recitas, Fidentino, é meu; pero, dito tan mal, xa parece teu».