Copas e mulleres

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se Europa aspira a ser algún día algo máis que unha unión de intereses partidistas non pode ter un presidente do Eurogrupo que manifesta abertamente o seu desprezo polos países do sur. 

Antes chamábannos os pigs, porcos, animais caracterizados por revogarse na sucidade. Agora pasamos a ser bébedos e puteiros, individuos que gastan en copas e mulleres as axudas que nos brindan os limpos, castos e abstemios cabaleiros do norte.

Non foi un malentendido, nin o produto dun momento de exaltación. Jeroen Dijsselbloem, presidente do Eurogrupo, non se retracta, probablemente porque sabe que iso mesmo pensan moitos dos seu correlixionarios no Parlamento Europeo. Os mesmos que critican a política xenófoba de Donald Trump, toleran e permiten que nos represente internacionalmente un xenófobo.

É escandaloso que só a portavoz de Esquerda Unida pedise a súa dimisión, aínda que deixando claro que «baixo ningún concepto isto pode servir de escusa para colocar a De Guindos no cargo». Ese é o gran problema, que na Unión Europea non só os intereses nacionais están por riba dos europeos, senón que tamén o están os intereses dos partidos.

Poucos seguen crendo naquel belo ideal dunha Europa pacífica, unida e próspera que inspirou aos fundadores da UE. Poucos e sen o poder para enviar ao señor Dijsselbloem ao sitio que lle corresponde: á súa casa, a plantar tulipáns coa súa dona, ou con quen sexa, se as mulleres non son do seu agrado.