Memorias insólitas

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son insólitas porque, neste tempo de urxencias para os lectores, non é frecuente publicar un libro memorialístico de case mil páxinas, magnitude que recorda as Memorias de Churchill. Pero hai outros datos que fan o volume de Xosé Arxeriz un libro insólito, incluso no mesmo título, Sombras, ecos, olgas, onde, ante o terceiro substantivo, olgas, o propio autor sentiu a obriga de explicalo na primeira páxina («pegueiras que un deixa na neve ó camiñar por ela»). Quizais algún lector considere insólito ou moi pouco frecuente o nome do autor, Xosé de Arxeriz, en realidade pseudónimo de Xosé Soto Rodríguez, nado no ano 1938 en Arxeriz, da parroquia de Fión, no concello de Saviñao. De feito, quen edita este grosísimo volume é a Fundación Xosé Soto de Fión. Nestas memorias, sempre ou case sempre de contido moi político, hai algunhas páxinas protagonizadas, mesmo no Xapón, por un gaiteiro: o propio Xosé Soto, que pertenceu, nos sesenta, ao Ballet de Luisillo. Os vellos amigos aínda lle chamamos o Pepiño da gaita. 

Eu creo que estas memorias iniciounas o autor hai dez anos, en abril do 2007, a data na que lle escribe a primeira carta á profesora Ana Acuña, daquela mergullada na elaboración da súa interesantísima tese de doutoramento Facer literatura galega en Madrid. Como Xosé Soto estivo moi presente no grupo Brais Pinto, na UPG madrileña, nas clases de cultura galega do Club de Amigos de la Unesco, na cátedra do Ateneo dirixida por Celso Emilio Ferreiro…, escríbelle á dilixente doutoranda máis de trinta cartas, algunhas moi longas, nas que lle dá noticia circunstanciada de cantos, en Madrid, escribían e predicaban en galego e de cantos facían activismo cultural ou político no nome de Galicia: Ben-Cho-Shey, Bautista Álvarez, César Arias, Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Rafael Taibo, Carmiña Graña, Juan Soto, Ramón Lorenzo, Ramón e Mariví de Valenzuela… Hai mencións distintas, desde Enrique Tierno Galván, fundador do Partido Socialista Popular (un dos varios partidos nos que militou Xosé Soto) ata o xeneral franquista Constantino Lobo Montero, dirixente do Centro Galego de Madrid.

Ás veces a pluma memorialística de Xosé Arxeriz viaxa polas Canarias, por Alemaña ou por Arxentina, onde se beneficia da erudición de Ricardo Palmás e dos moitos saberes de Luís Seoane. Moitos nomes, moitos feitos… Unha fartura de datos e noticias!