Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un futuro non alcanzado

cARLOS CASARES

OPINIÓN

Artigo de opinión pubricado en La Voz de Galicia o domingo 12 de xaneiro de 1975

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo, 12 de enero de 1975

Pese a que había xa tempo que andaba polas libreirías un excelente folletiño sobre a vida, persoalidade e pensamento de Xohán Vicente Viqueira, noustante non será moito decir que prá inmensa maioría dos galegos mozos a súa figura era totalmente desconocida hastra que o seu nome saltóu ós periódicos co motivo do Día das Letras Galegas do ano que acaba de rematar. Daquela, uns cantos artigos, algunhas conferencias a dúas ou tres pequenas antoloxías de ocasión abriron as portas da curiosidade sobre a vida e a obra dun home nacido o mesmo ano que Castelao, tres anos menor que Risco, dous maior que Otero, pro moito menos conocido que estes seus compañeiros, dos que sin embargo estaba chamado a ser probablemente o guía e maestro. Agora, a curiosidade sobre aquela vida e aquela obra pode ser ampliamente satisfeita cun libro que ven de publicarse, Xohán Vicente Viqueira, Ensaios e poesías (Galaxia, Vigo, 1974).

A súa vida foi breve e dura. Enfermóu cando tiña quince anos e morréu antes de cumplir os trinta e oito. Pro nese curto espacio de tempo tivo folgos para conquerir unha das formaciós intelectuales mási sólidas e ricas das que se teñen acadado entre nós no que vai de século. Niste senso, Viqueira foi un auténtico privilexiado. Estudióu con Bergson en París, e en Alemania asistiu en diversas universidades a cursos de Wundt, Simmel, Ernst Cassirer, Wilamowitz-Moellendorf, Husserl e outras destacadas figuras da época.

A súa obra non é moita, e con excepción dos seus tratados de Filosofía publicados en castelán, redúcese a uns cantos ensaios breves, algunhas conferencias e unhas ducias de artigos publicados en periódicos de entón. E sin embargo, como a súa vida, tamén ésta aparece na súa brevedade chea de posibles. Abondaría co texto da conferencia que pronunciara na Cruña co motivo dunha exposición de dibuxos de Castelao, e que co título de «Divagacións enxebristas» aparece na páxina 112 do libro que comentamos, para xogar ó xogo apaixoante de imaxinar o que poido ser o pensamento galego cun Viqueira con tempo pra desenvolver o que aiquí é a luz pequechiña e clara dun ideario no que a Humanidade somentes pode realizar a súa riqueza potencial desfacéndose en realidades concretas e individuales que son as naciós. Galicia é entón un momento da Humanidade e somentes defendendo a súa individualidade (todo o que é é como individuo) será fiel a si mesma e ó seu futuro, que ha ser o da creación dunha gran armonía basada na concurrencia das distintas diversidades. Abondaría coesto, pro hai bastante máis. Hai a semente dun estudio sobre o coutamento da fecundidade da aldea galega por culpa da castelanización das ciudades, que esquenceron o seu papel director. Hai unha visión clara do papel fundamental que lle corresponde ó idioma no proceso de reidentificación de Galicia. E sobre todo, hai ó longo do libro, correndo, unha emoción galega tanto máis admirable por vir dun home cunha formación europeísta como a del, pro nada sorprendente pra quen pensaba que nacionalismo e universalismo eran términos correlativos. Pódese decir que é éste o atractivo maior que recende das páxinas do libro.

En todo caso, sorprende a cantidade de feitos concretos que mereceron a súa atención, tan ben dotado como estaba, por outra parte, prá especulación filosófica. Galicia non somentes ten que identificar a súa alma, senón que terá que programar tamén a súa vida de tódolos días. E esta vida haberá de resolver problemas que van dende unha teoría política sobre a organización federal do Estado, hastra a implantación do galego na escola, a creación dunha Facultade de Filosofía en Santiago, a conversión da Universidade compostelá nun «nó spiritual que informe e sosteña ó noso pobo», ou a reforma ortográfica. Respecto a este derradeiro punto -e como dato curioso- Viqueira é partidario da aproximación do galego ó portugués, feito do que fala con insistencia, e que virá reforzar anque soio sexa emotivamente a pintoresca tesis últimamente tan debatida da que é autor o por tantos motivos ilustre e admirado profesor Rodrigues Lapa. Coido, sin embargo, que non foi acertado respetar nesta edición a ortografía orixinal. Cunha lixeira indicación sobre o problema contentariase ós eruditos e facilitaríase en cambio a consecución do fin que indudablemente se propuxeron os editores: rescatar prós lectores galegos de hoxe unha figura de primeira importancia que por diversos motivos permanecía acochada no olvido.

Con todo, o fin está conseguido. O lector terá en adiante un útil instrumento de información e de traballo que lle permitirá conocer a Viqueira na súa triple dimensión de filósofo, de político e de poeta, faceta esta última que parece a menos interesante das tres. Todas, sin embargo, evidencian as posibilidades dun futuro que, como di Domingo García-Sabell no excelente prólogo que puxo ó frente destas páxinas, desgraciadamente non foi alcanzado.