Eucaliptos desarmados

Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

29 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As vistas dende o castelo de Soutomaior xa están libres de eucaliptos. A Deputación de Pontevedra, propietaria do recinto, despachou os máis de trescentos exemplares que estragaban a estampa medieval. Todo sexa pola protección do medio ambiente e a mellora paisaxística. Debe ser un pracer iso de ir liquidando eucaliptos en modo leatherface, como aquel fabuloso psicópata da motoserra, e perpetrar a túa propia matanza de Texas deixando un rastro de troncos caídos. Ninguén está a salvo de paixóns escuras. Crúzaseche polo camiño un outeiro tapizado dese verde castrense e fantasías con extirparlle ti mesmo a colonia australiana. O inocente eucalipto non ten culpa de comportarse coma un maldito eucalipto. Pero ti necesitas restablecer a harmonía primixenia da paisaxe, transido por unha sorte de nostalxia oteriana, e o corpo pídeche un exterminador que arrase con todo. Ocorre que os eucaliptos, cando saes buscando a primavera, van provocando.

 

Hai quen pensa que o plan da Xunta para limitar a plantación destas árbores nalgúns concellos do interior será un novo atentado contra a economía da Galicia rural, e que a medida só busca encher o ollo duns cantos urbanitas capaces de pedir unha hamburguesa de quinoa nun furancho. Razón non lles falta no dos reiterados golpes ao rural do país, que leva tempo ingresado en paliativos, e en que hai eucaliptos familiares que pagan matrículas universitarias e manteñen explotacións leiteiras. Pero con medio territorio convertido nun disparate forestal, a estas alturas faise difícil defender que a besta continúe gañando a guerra. Alternativa haberá a tanta barbarie. Sabemos que é desexable a extinción fulminante dese animal urbano que pretende embalsamar a paisaxe da aldea para que lle quede bonita nos selfies. Pero que non nos quiten o pracer de fabular coa rendición incondicional do eucalipto e o seu desarme controlado. Ten que ser un espectáculo pasear por Soutomaior estes días e respirar ese olor a napalm polas mañás.