As primarias socialistas do domingo 21 non foron un fin. Son o inicio dun camiño de esperanza, de aire fresco e de socialismo sen cadeas, coa única atadura do mandato da nosa militancia e da maioría progresista deste país. Son a constatación de que temos un partido vivo, que cun 80 % de participación da militancia galega deu unha vez máis un exemplo de transparencia e democracia ao resto de forzas políticas.
Temos por diante unha enorme responsabilidade, a de camiñar máis fortes e unidos ca nunca cara un Goberno que abra as portas a un xeito distinto e máis xusto de saír da crise, sen que ninguén quede atrás. Desde Galicia, os e as socialistas traballaremos por un congreso de unidade que sexa o punto de inflexión para recuperar o apoio cidadán e que constrúa un proxecto que dea resposta ás novas demandas do século XXI.
O congreso federal será a primeira pedra para o fortalecemento e a renovación inmediatamente posterior das estruturas do noso partido na comunidade autónoma, nas provincias e nas agrupacións locais, coa vista posta nun rearme sólido e audaz para afrontar as eleccións municipais. Somos un partido esencialmente municipalista, e é alí onde os veciños e veciñas nos teñen máis preto desde onde temos que iniciar o rexurdimento da política social, da liberdade, dos dereitos e da igualdade de oportunidades.
A enorme lexitimidade coa que nace o liderado de Pedro Sánchez viuse extraordinariamente reforzada en Galicia, cun respaldo claro nas catro provincias, nas sete grandes cidades e na maioría das agrupacións. Ese respaldo é a garantía dun camiño de confianza mutua no que Galicia e as súas necesidades estean nun primeiro plano na axenda de España, nun momento no que os intereses da nosa comunidade están a ser esmagados de xeito constante e insistente por parte do Goberno de Rajoy, co atronador silencio de Feijoo.
Acabamos de ver como o debate de todas as emendas que tiñamos presentado os grupos da oposición no Congreso aos Orzamentos Xerais vén de ser furtado polo veto dun Goberno que despreza o noso traballo. Son 600 millóns de euros adicionais de propostas socialistas que para Rajoy e Feijoo non merecen nin un minuto do seu tempo. É só un exemplo da urxencia do cambio. Fronte a corrupción, a inxustiza, a desigualdade e o autoritarismo, no PSOE vén de prender a mecha da ilusión, da mobilización e da recomposición dun proxecto que debe ser o referente da maioría.
Estas primarias conseguiron que todo o país mire agora cara a nós con convicción, con esperanza ou ben con curiosidade. Temos a obriga de acertar e de responder. Polo de pronto, vimos de demostrar que o PSOE está máis vivo que nunca, e que unha vez máis somos a vangarda, o partido que sabe evolucionar para seguir sendo a forza que máis se parece á xente. Ese é o noso fin. Estamos no inicio dun novo camiño.