A conclusión do espello

OPINIÓN

13 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con oito anos, un amigo e máis eu percorriamos os bares da vila cantando panxoliñas. A xente metíanos cartos na caixa da guitarra. A música era un negocio redondo. Máis adiante, xa de mozos, disfrazámonos de mimo e ocupamos a rúa para tocar uns segundos cando nos botaban algo. A idea só era impresionar, pero o espectáculo, sen pretendelo, virou en algo lucrativo, como lle pasou a Casares na experiencia remunerada dun entroido, logo de se disfrazar de limpabotas e investir en apenas unha caixa e un nada de cuspe. 

Non é doado detectar a indixencia. A crise encheu as rúas de xente que pon a súa necesidade en alta voz. Hai cidades e vilas que, para evitaren a saturación, mesmo proban a calidade cun exame. Pero tamén hai persoas que só piden sen ofrecer máis nada que o seu desamparo. Na vila en que vivo, que ten unha longa rúa peonil, a cada volta hai máis músicos, aparentemente espontáneos, que abren as caixas dos instrumentos para acoller a nosa bondade. Ás veces, mentres tomas algo, é un luxo escoitar un clarinete sublime ou dúas guitarras erguendo unha atmosfera festiva, aínda que outras toca sufrir a tortura dunha voz desafinada con algún decibelio de máis.

Nisto de pedir tamén conta a imaxinación, como a dun home esfarrapado que minaba de faltas de ortografía un cartel alusivo á desgraza, e mendigaba diante dun despacho de lotaría. Como non lle botaban moedas, decidiu gastar o pouco que tiña en mercar roupa decente e afeitarse. Despois, volveu ao mesmo sitio e axiña comprobou como unha enxurrada de moedas confirmaba a súa estratexia. Chegou así á conclusión de que a xente gusta máis da pobreza dos ricos porque cando dan algo a alguén ben vestido, en realidade están a dalo a si mesmos.