Indiferentes

OPINIÓN

15 jun 2017 . Actualizado a las 01:00 h.

Estes días, co peito encollido, vin a crueza dun vídeo que rexistra en China o dobre atropelo dunha muller que remata morrendo porque ninguén a socorre. A violencia das imaxes é extrema. E a frialdade deses transeúntes que pasan ao carón da vítima, ignorándoa, ergueu en min unha furiosa indignación e, ao mesmo tempo, unha dúbida. Que fariamos nós se vivísemos nesa sociedade asiática? Ignacio Echeverría, o heroe do monopatín, con certeza axudaría á muller e evitaría o segundo atropelo que lle apañou a vida. E nós, seriamos quen de o facer? Non é unha pregunta doada de contestar. Eu mesmo, lémbrome de neno, camiñando cuns cromos na man, cando, de súpeto, un home se debruza no chan e provoca a alarma da muller que vai con el. Axotado, dou en correr para me afastar canto antes deste suceso estraño que me pon medo. Cando chego á casa non digo nada. Iso si, a imaxe do home caendo vai repetirse na miña cabeza durante toda a vida coma un castigo pola miña omisión.

 

Todos gustamos de nos identificar cos heroes, vestir a súa pel. Pero descender ao inferno dunha traxedia así íspenos e enfróntanos cun espello que nos devolve dúas caricaturas, a do que nos gustaría ser e a do que realmente somos. O heroísmo ten unha condición azarosa e, por desgraza, non está ao alcance de todos. Son poucos os que camiñan cara á morte con dignidade. Un heroe é vulnerable e adoita ser o primeiro en morrer. Con todo, a súa morte nunca é gratuíta. A de Ignacio Echeverría evitou moitas outras. E a súa reacción intrépida converteuno en vítima e heroe, e nun exemplo non só para os indiferentes que pasaron a par desa muller china senón tamén para min, ese neno que se axotou co simple infarto dun home descoñecido.