Inventos

OPINIÓN

31 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un bota unha ollada á prensa é doado bater con novas sobre aparellos intelixentes que unhas veces nos facilitan a vida e outras nola complican. Estes días reparei en dúas notas curiosas: por unha banda, en Londres abren un café con varios robots que lles farán unha felación aos clientes mentres estes degusten un cortado ou un capuchino; o local seica se chama Fellatio Café. E, por outra, a posibilidade de que eses dispositivos que aspiran o chan das nosas casas, poidan vender o noso mapa íntimo a diversas compañías como Amazon, Google ou Apple. As dúas novas non deixan de ser curiosas e preocupantes, pero decidín tomalas con prevención e ironía porque lembrei os días en que a miña avoa materna viña á casa e teimaba para que puxese a funcionar o Johnny. Ese era o nome co que ela bautizara o lavalouzas, un invento que lle parecía moito máis útil que a televisión. Case sempre, despois do xantar, ela ficaba sentada na súa cadeira, envolta nun delicioso abraio, e escoitaba o rumor fabril do lavalouzas coma unha melómana dentro dunha sinfonía. Daba igual que houbese poucos pratos. Se ela estaba, eu non me resistía a lle poñer un invento que tanta felicidade lle provocaba. Non hai moito, volvín lembrarme dela, precisamente cando merquei o aspirador Roomba, porque sospeitei que ficaría tamén abraiada en canto vise traballar este novo aparello. Resúltame doado imaxinala no salón, vixiando, con ese pracer distraído de quen ten vagar, o trazado aparentemente anárquico deste disco que limpa. O que xa non son quen de sospeitar é o nome que ela lles poría tanto aos robots do Fellatio Café como ao deste aspirador que, coma unha presenza inquieta, anda pola casa, espiándonos.