Os rituais da morte

OPINIÓN

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A morte ten os seus protocolos. Estes días tense falado moito sobre os seus rituais. Este mesmo periódico recollía unha interesante reportaxe na que apuntaba a evidencia de que cada vez se gasta menos nos enterros, e fíxose viral a despedida dunha defunta en Vigo por ofreceren uns petiscos de tortilla acompañados de cervexa e viño, algo, por certo, do máis normal en moitos lugares do mundo, e tamén na nosa terra, afeita a esconxurar a morte con noites de leria, comida e alcol. Non hai moito eran os nosos avós os que nos levaban a bicar os mortos. Lembro algúns velorios nas casas, cos crespóns negros, co cheiro viciado da morte e as flores, e con aqueles laios das carpideiras que inscribían un eco atroz no silencio das tardes e no encerado da nosa memoria.

 

Hoxe a morte perdeu transcendencia, talvez porque aquí nos decantamos pola filosofía grega, que nos aprende a vivir, mentres que a oriental nos aprende a morrer, a vivir a morte coma unha obra de arte, preparando o ser humano durante toda a vida para ese momento eterno.

Se no rural o enterro é un dos últimos actos sociais que quedan, no urbano a morte escóndese. Os tanatorios fixeron dela algo limpo e invisible. A cremación borra calquera pegada da existencia e crea a ficción de que non pasa nada, correndo o risco de converter o pasamento en algo irrelevante. E todo porque o ser humano non quere sufrir, por moito que a dor tamén poida ser unha aprendizaxe necesaria. Así, no tanatorio vigués, dalgún xeito se fixo presente a morte cun duelo histriónico, representativo, de ostentación da ferida e do recordo, combinando a filosofía oriental coa grega, é dicir, vivindo a morte, pero tamén morrendo por vivir, iso si, ao carón duns petiscos.