A Organización Meteorolóxica Mundial anuncia que vimos de bater un novo e macabro récord de presenza de CO2 na atmosfera. Levamos un ritmo de subida nas últimas 7 décadas que non ten precedentes nos pasados 800.000 anos. Posto a escala, sería como estragar un traballo dun ano en media hora; é dicir, trátase dun cambio brusco para o noso planeta, case un cataclismo. Os científicos hai tempo que avisan do gravísimo problema que nos vén enriba, pero loitan contra un gas invisible. Como o inimigo non se ve, aos políticos non lles entra o pánico, non entenden ben o efecto invernadoiro. «Se o CO2 reflexa a calor que sae da Terra, tamén parará a calor que chega do Sol, non?». Pois non; vexamos.
O Sol envía calor á Terra a través de ondas electromagnéticas que, por así dicilo, chegan nunhas frecuencias do dial para as cales a nosa atmosfera é transparente. Atravésana e son absorbidas pola Terra, que se quenta dese xeito. A Terra, ao estar quente, emite tamén ondas electromagnéticas, botando calor para fóra. A temperatura de equilibrio da Terra acádase cando a calor que chupa das ondas electromagnéticas do Sol é igual á que bota para fóra.
Pero agora chega a clave: como a temperatura da Terra é menor que a do Sol, as frecuencias das ondas electromagnéticas que emite a Terra son distintas das que nos manda o Sol e, ¡ai!, para esas frecuencias a nosa atmosfera xa non é transparente, senón un espello que nolas devolve. Canto máis CO2, máis espello. E peor nos irá.