Nos últimos días non deixamos de abraiarnos cos casos de acoso e violencia machista. Como é posible este andazo en pleno século XXI? Non me cabe dúbida de que a solución a longo prazo está na educación e no fomento da igualdade. Neste sentido, nos vindeiros días, o concello de Ames programa unhas xornadas nas que a actriz porno Amarna Miller participará como relatora. A polémica está servida, non só polo que poida dicir nin polas súas simpatías con Podemos, senón polo acerto da súa inclusión nun asunto tan sensible. Pode ser unha actriz porno referente nun tema de igualdade? Sospeito que ela aterase ao feito de que a súa é unha escolla autónoma e independente, un dereito, unha liberdade para dedicarse ao que máis lle peta e para usar o seu propio corpo dun xeito lucrativo. Nada que obxectar. Talvez ela nos diga que facer vítima a muller lle tire capacidade de decisión e nos pregunte por que unha persoa non pode cobrar por exhibir o seu corpo se non hai un acto de violencia ou coacción, se xorde dun xeito totalmente consentido e libre. Pero haberá mulleres que tamén elevarán as preguntas de se a sexualidade pode ser obxecto de comercio ou ten que ser libre e gratuíta, de se o corpo pode ser un instrumento de traballo. Alguén tamén podería asegurar que ela mesma é produto dun sistema que a converte en mercadoría, e a súa, máis ca unha decisión libre, podería ser algo impositivo e económico. En calquera caso, o fondo do asunto non é ese senón o modelo de masculinidade que a pornografía promove, que adoita ver a muller, máis que coma unha igual, só coma unha cousa. E, agardo non equivocarme nos agoiros, pero sospeito que no público dese día predominará un sexo, e non precisamente o feminino.
O concello de Ames programa unhas xornadas nas que a actriz porno Amarna Miller participará como relatora. A polémica está servida