Para que queremos a política?

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

03 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As sociedades móvense entre o conflito e a concertación, entre a revolución e a evolución, entre a represión e a liberdade. Ante estas disxuntivas, os políticos orientan a súa praxe de varias formas. Uns incitan o enfrontamento coas súas decisións ou palabras; outros, confían na resolución espontánea dos problemas, mentres se enlean no tacticismo; en cambio, outros van por diante, aínda que sexa un palmo, e non cren na procrastinación, pero falan do poder transformador da idea. Que cada quen apunte exemplos nunha casa.

En democracia necesitamos a política para evitar o choque rupturista, porque os seus efectos daniños se transmiten do ámbito da sociedade ao núcleo relacional máis próximo, desavinzas que fan perder un tempo doloroso para a súa reparación. Cando a política perde presenza emerxe como actor principal mediático a parte máis rexeitable da sociedade, o máis extremoso.

Sábese que a linguaxe non é inocente, xoga un papel fundamental para agochar a matriz dos conflitos con ese neoloxismo, «posverdade», aceptado axiña pola Academia como a manipulación que pretende facer pasar como veraz aquilo que non o é.

A identidade descontextualizada, chea de paixóns e non tanto de pensamento, converteuse nun comodín fatigoso que esixe unha reconceptualización: mestura de afectos, sentimentos, valores e tamén razóns. Todos nos movemos nese complexo mundo de xeografías das idades e dos lugares polos que transitamos, desde a rúa onde nacemos ata o mundo global, que nos xeran contradicións e temos que saber socializar, en vez de utilizar a diferenza para proxectala contra o próximo.

Razón e sentimento sempre van unidos. É importante descifrar no campo social aquilo que está calado ou reprimido, porque esas capas sucesivas que conforman o noso ser individual e colectivo estimúlanse en momentos concretos e abrollan perfís insáns. Todo aquilo que non é meditado e verbalizado convértese en demo interior e reaparece en forma de odio e vinganza no nome da historia, como se fose unha predestinación que hai que cumprir.

De aí ao significado presente do nacionalismo e os seus adxacentes, solidariedade, territorialidade, soberanía. Qué latexa detrás destas nocións que cada un de nós goza ou padece e interpreta á súa maneira? En todo caso, calquera nacionalismo debe ser afrontado coa palabra, a política e, no seu caso, coa lei, deixando a un lado a vehemencia e os intereses partidistas.

Necesitamos unha política ponderada, moralizante e valente, que impida converter en protagonista a violencia física ou verbal, que matice, porque é aí onde aparece o acordo. As ideoloxías hai que facelas domésticas e non superestruturais, porque o mundo xa non é só global ou local, rural ou urbano, de dereitas ou de esquerdas. É, sobre todo, desigual.

Neste dilema, Europa aparece como unha das mellores solucións para superar os ismos, un territorio de liberdade, de xustiza, de acollida, un espazo de concertación da esquerda e do centro que distribúa benestar, que demande eficacia, que non acepte a fatalidade da exclusión, que limite a desmesura neoliberal do capitalismo. A Europa que está por vir farase compartindo obxectivos para crear de novo un lugar común. Macron, Schulz, Merkel e o mesmo Centeno, coas súas diferenzas, están niso. O multilateralismo leva tempo.