Vou contar unha historia que os que viviron aqueles momentos poderán entender, porque para as xeracións máis novas será algo moi distante, e para os máis vellos, «puro vicio», porque eles pasáronas canutas e os nosos tempos, dende a súa perspectiva, son un luxo. Sendo mozo e chegando as vacacións do verán acostumaba marchar para a aldea en Niñodaguia-Xunqueira de Espadanedo-Ourense. Eran pouco máis de 200 quilómetros e a aventura comezaba collendo o Pereira das 15.30, que saía da contorna da praza de Lugo na Coruña ata Ourense; a viaxe era vía Betanzos-Melide-Palas de Rei-Taboada-Chantada… Desas viaxe-aventura que darían para facer un libro de anécdotas que poderían soar rocambolescas ou esperpénticas se non fose porque moitas delas aínda na actualidade se poden vivir ou ver. A duración era de cinco horas facendo paradas a esgalla. Un subir e baixar de xente, unha mostra étnica e cultural alucinante, para aprender moito, se non fose que o que máis desexaba era chegar a destino e poder pisar terra de novo. E isto cando non che tocaba un fumador de puros, porque entón, para min, era máis parecido a un inferno sobre rodas. Pero o asunto non acababa aí. Despois das cinco horas interminables, en Ourense había que esperar unha hora para transbordar a outra liña, a dos Mangana, que me levaría en algo máis dunha hora por vinte e poucos quilómetros ata Maceda, nunha viaxe que tamén se me facía inacabable. Xa por fin en Maceda, era como se vise a luz ao remate do túnel, pero aínda quedaban uns 10 quilómetros de taxi que eran gloria pola tranquilidade. Ás 23.00, Niñodaguia á vista e a gozar do verán. Os meus pais dende A Coruña, incluso co meu irmán maior, fixeron esa viaxe nunha moto Lube moitas veces.