Xubilación procede do latin iubilare que significaba dar berros de alegría. Para quen ocupou postos de poder máis ben é un momento doloroso. Pola contra, a clase traballadora recibíaa como o momento de empezar a gozar dunha especie de vacacións pagas. En canto á clase media, adoitaba aproveitar ese período para dedicarse a actividades que non puidera realizar por falta de tempo: cursos universitarios, ou de idiomas, talleres de encadernación, técnicas de gravado, bailes de salón, arranxos florais ou xogar ao golf… Pero chegou a crise do 2008 e os xubilados, polo menos en España, convertéronse nas balsas salvavidas para as familias: os fillos que perderon o traballo e os netos que non o atopaban volveron en moitos casos ao fogar familiar, que actuou de refuxio. E os xubilados quedaron sen as súas vacacións pagas.
Dez anos díxose que duraría a crise. E, en efecto, parece que estamos a saír dela. O Goberno repetíunolo por activa e pasiva; xa saben: a prima de risco, etc, etc, «imos vento en popa»; de modo que se melloran os soldos da policía nacional e dos funcionarios, e van subir as pensións…un 0,25%. E os xubilados dixeron: ata aquí chegamos!
Cando un colectivo tan sufrido se lanza á rúa, o mellor que pode facer o Goberno é poñer un remedio rápido. E xa verá como arranxa as cousas a longo prazo. Agora o que hai son 9 millóns de persoas indignadas e con sentimento de ser explotadas, dispostas a utilizar o seu voto para conseguir o anaco de torta ao que teñen todo o dereito do mundo. Creo que o mellor é darllo polas boas.