Recibo os dous primeiros volumes dos diarios de Ricard Salvat (1934-2009), que publica a Universidade de Barcelona, na que el foi catedrático de Estética e Artes escénicas e un dos profesores de máis ricos saberes, políglota como poucos e sabio incitador de inquedanzas teatrais. No verán de 1962 coñecino en Moscova, onde asistiamos, con José Agustín Goytisolo e outros españois do exilio interior, ao Congreso da Paz que inaugurou Kruschev e no que disertaron, entre outros, Jean-Paul Sartre e Bertrand Russell.
No primeiro volume dos Diaris (e van ser dez), que abrangue de 1962 a 1968, Ricard Salvat dedícalle moitas páxinas ao noso periplo soviético: Moscova, Kiev e Leningrado. En Moscova, ás conversas e xantares con Dolores Ibárruri Pasionaria e Enrique Líster, «personatge inquietant i en certa manera fascinant»; en Leningrado, á cobizada visita ao museo de L’Ermitage, e en Kiev, á longa conversa que tivemos Salvat e mais eu co poeta (en ucraíno) Nicolai Bajan, moi interesado pola situación literaria (e escolar) do catalán e do galego. Neste diario, moi rico en temas, hai reflexións que van da lucidez de Sartre á morte de Marilyn Monroe, pasando por unha curiosa cavilación que fai sobre o meu «nom de guerra», Alonso Quijano, que ben sabía que era o de don Quixote antes de postularse como cabaleiro andante.
Neste volume e, sobre todo, no segundo (1969-1972), Salvat reproduce bastante cartas súas, entre outros, a Eduardo Blanco-Amor, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e a min mesmo. Datan dos primeiros meses de 1969 cando el, coa nosa colaboración, montou na Universidade de Coimbra o espectáculo Castelao e a súa época, que a PIDE (a policía política portuguesa) prohibiu, a mesma policía que unha noite de abril entrou á brava no seu apartamento familiar (a muller e a filla, de ano e medio), e púxoo, horas despois, na fronteira. Tense dito que Ricard Salvat é un dos mártires da causa do teatro galego, e non serei eu quen o negue.
Ricard Salvat aínda é recordado hoxe polos estudantes que na primavera de 1969 asistiron ás súas clases e aos seus ensaios de teatro épico, xénero no que era unha autoridade. Tamén o era no teatro de Bertolt Brecht, como lembran aínda hoxe Isabel Pinto, João dos Reis, Quim Brito, Clara Paiva Boleo… (Xa non está entre nós José Niza, quen musicou con moito xeito un poema de Rosalía para o espectáculo prohibido. Aínda se canta hoxe).