El que té boca, s´equivoca» podería dicir Ada Colau, a alcaldesa de Barcelona, despois de meter as patorras, as dúas, ata o pescozo, ao quitar unha rúa ao almirante Cervera para darlla ao cómico Pepe Rubianes e declarar que a este lle gustaría «que o seu amado público se reunise e quitase o nome a un facha». Burrada enorme, si; pero se a alcaldesa Ada Colau fose tan lercha como a presidenta da Comunidade de Madrid, xa tería convocado os medios de comunicación para declarar a berros:
-Va ser una confusió, un malentès, un error d’apreciació!
E mostraría o papel que a levou á confusión. A alcaldesa non tiña idea de quen foi o almirante Cervera, pero pensaba que todos os almirantes con rúas en España foron fachas. Neste caso quixo confirmalo e pediu unha síntese das andanzas do almirante Cervera na Guerra Civil e na posguerra. E fíxéronlla. Guerra Civil. 18 de xullo de 1936: O Almirante Cervera estaba en Ferrol e, aínda que quedou ao servizo da República, pasou ao bando franquista. Foi coñecido como O Chulo do Cantábrico por minar portos e atacar cidades costeiras.
9 de agosto: confundiu e afundiu o yate inglés Blue Shadow, que levaba súbditos británicos de Bilbao ao Reino Unido.
29 de setembro: enfrontouse ao destrutor republicán Gravina, con tan mala puntería que disparou 292 proxectís e só acertou con dous.
Febreiro de 1937: na batalla de Málaga bombardeou a poboación que fuxía pola estrada da costa e causou numerosas vítimas.
Xullo de 1938: participou no bombardeo de Valencia. Posguerra.
Xullo de 1939: trasladou ao conde Ciano, xenro de Mussolini e ministro de Asuntos Exteriores de Italia, de San Sebastián a Santander na visita que fixo a España para entrevistarse con Franco. Aquí a alcaldesa xa botaba fume:
-Jo! Traïdor, incompetent, cruel i més amb el Ciano. Fatxa, fatxa, fatxa!
E cando leu que en xullo de 1965 «trasladou de Malta a Tarragona a reliquia do brazo do apóstolo San Pablo, para a conmemoración da súa chegada á península», estoupou:
-Hòstia, tu. I a més de l’Opus!
Todo foi un tremendo disparate porque o almirante Cervera, heroe da Guerra de Cuba, morto en 1909, deu nome ao buque que protagonizou os feitos que lle pasaron á alcaldesa.
-Me l’han ficat doblegada! Seica dixo cando caeu da burra.
Tamén errou Inés Arrimadas ao cuestionar a cualidade artística de Pepe Rubianes, monologuista e director teatral. El e Moncho Borrajo, galegos ambos, foron os cómicos que levaron con grande éxito aos nosos escenarios un humor provocador, ao xeito do norteamericano Lenny Bruce, que Dustin Hoffman interpretou na película Lenny. E como non hai dous sen tres, errou quen fixo o texto da placa de Pepe Rubianes, que naceu en Vilagarcía de Arousa ou en Villagarcía de Arosa, pero non en Villagarcía de Arousa, alcaldessa, si us plau!