Aínda que poda parecelo, nada relacionado co etílico. Cando era rapaz, en moitas das bandas sonoras das películas do Oeste americano era habitual escoitar o son dun instrumento, que sen saber moi ben como podía ser a súa forma e tamaño, naquel contexto do cinema yankee, todos pensábamos que era característico desas terras poirentas. E si que o era, pero fora levado previamente polos emigrantes europeos, protagonistas daquelas películas xunto cos malpocados índios nativos propiamente americanos. De alí nos chegaba, vía televisión ou cinema, esa primeira referencia sonora daquela peculiar lingüeta en vibración que despois e a pouco que indagáramos podíamos vela e sentila noutros moitos lugares do mundo e en culturas ben diferentes. Guimbarde en Francia, Jew’s harp ou gewgaw en Inglaterra, thömör khur en Mongolia, khomus en Siberia, sacacciapensieri en Italia ou genggong en Bali son algúns dos 1.000 nomes que o musicólogo holandés Phons Bakx chegou a recoller para este pequeno e característico instrumento por todo o mundo, ás veces tocado polos chamáns e vencellado á relixiosidade e outras instrumento de puro deleite persoal. En Galicia coñécese como birimbau ou trompa galega e pese a ser un instrumento que gozou dunha certa popularidade por distintas áreas do país, hoxendía o seu uso foi quedando reducido ás terras da Fonsagrada, onde eu o coñecín da man de grandes figuras como Emilio do Pando, Herminio da Fonfría, Otilio Alvarez ou César Fernández. Afortunadamente xa hai novas xeracións que seguen a tocalo con dignidade e orgullo e sobre todo xa temos artesáns como Che Suárez que con máxima calidade na súa elaboración garanten longa vida a este instrumento tan noso e tan internacional a un tempo.