A renuncia de Rajoy proba que o PP gobernaba por riba das súas posibilidades. Tamén que o de Santiago aguantou máis do que podía pedírselle. Presentada a oportunidade, resultou que case todos os grupos da Cámara tiñan razóns para tombar o seu Goberno. Uns por incompatibilidade de principios ou de políticas, moitos porque queren derrogar a lei mordaza, algúns porque os seus dirixentes están na cadea, outros aspiran a liberarse dun nacionalismo español abafante. Por riba, razóns transversais que afectaban a moitas mulleres e a moitos pensionistas. Por baixo a laicidade, a ciencia, a ecoloxía e outros asuntos desprezados nestes anos até desaparecer da axenda pública pero non da conciencia cidadá.
Pedro Sánchez, curtido no método Rajoy -que non só consiste en resistir- actuou no momento oportuno para desvelar o que se sabía: que o PP non tiña maioría para gobernar. Mariano Rajoy logrou gobernar todo este tempo, resistindo e condicionando aos demais grupos. Representou e defendeu moi ben a súa posición de goberno na Moncloa e obrigou aos demais a aceptala, xogou coa ilusión de Ciudadanos de gañarlle no espazo da dereita unitarista, condicionou aos baróns e aos dirixentes do PSOE da transición, encantados de aparentar influencia, destrenzou as contradicións de Podemos e dominou a opinión publicada da burbulla madrileña. Os dous problemas que non podía manexar, a disputa territorial e a vergoña política da corrupción, mandounos ao xulgado. Cando os xuíces falaron, acabouse. Pedro Sánchez converteuse, por números propios e erros alleos, na única opción parlamentaria para escapar dunha situación bloqueada pola política pero clarexada pola Audiencia Nacional na primeira sentenza. Cando falou o xulgado, acabou o tempo de Rajoy e a evidencia dos políticos na cadea e das responsabilidades da corrupción do PP obrigaron ao desbloqueo do sistema. A democracia parlamentaria funcionou e mandou ao PP á oposición para que intente volver ao Goberno en mellores condicións. O Parlamento deu unha solución política á corrupción, reconciliando aos votantes cos seus representados.
Asombrábase Tocqueville na Democracia en América de que no sistema representativo americano todos votaban e todos tiñan o mesmo dereito a elixir o Goberno. Alá por 1835 iso significaba homes brancos maiores de idade pero era moito máis do que esperaba un morno liberal francés. A capacidade da maioría para elixir o Goberno expresouse estoutro día nunha moción de censura. Sempre queremos que gañen os nosos, tamén nas eleccións, pero iso depende dos votos populares e nun sistema parlamentario dos votos representados polos partidos. Cando votan todos e todos os votos valen o mesmo pode pasar o que pasou. Non están tan contentos moitos votantes e dirixentes do PP pero coa súa dimisión Rajoy axúdalles a entendelo. Os populares comprobaron mais unha vez as desvantaxes de ser unha fronte política forzadamente construída para unir a toda a dereita como única vía de chegar ao poder. Carecen de aliados e compórtanse como seareiros. Pedro Sánchez non terá nin que gobernar, só autorrepresentarse, mudar leis, preparar os orzamentos de 2019 e resistir rabiosos ataques de fronte. Debera estar preparado porque aprendeu do mellor.