Ser ou non ser

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

S omos ou non somos nacionalidade histórica? Dacordo co artigo 1 do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1980 si o somos: «Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno....». Pero tamén é certo que a efectos constitucionais, e unha vez que a Disposición Transitoria Segunda da Constitución que permitía ás tres comunidades que plebiscitaran os seus Estatutos na Segunda República acceder de forma inmediata ao autogoberno, a vella distinción entre nacionalidades históricas e rexións («sen historia», en expresión de Roberto Blanco) non ten ningún significado constitucional práctico. De feito, tras a última onda de reformas estatutarias, Andalucía, Aragón, Canarias, Baleares e Valencia tamén o son: o que tivo transcendencia xurídico constitucional no pasado, ser ou non ser nacionalidade histórica, parece non tela nos presentes tempos, tan posmodernos. María Xosé Queizán, en preciso aforismo (publicado na colleita coordinada por Pancho Pillado, Xerais, 2017), sostén que o posmodernismo é a «substitución do verbo ser ou estar por sentir». «Ser ou non ser» nacionalidade histórica pasaría hoxe de ser categoría xurídica, a sentimental; e dado que o flamante novo Presidente do Goberno da Nación parece querer darlle unha prioridade política ás relacións coas nacionalidades históricas, a cuestión de ser ou non ser nacionalidade histórica volve a ter certa transcendencia. E non resulta sinxelo saber cales sinte como nacionalidades históricas o Sr. Sánchez. No debate da moción de censura do que saíu investido, referiuse só a Cataluña e Euskadi; e limitou a súa resposta ao representante do nacionalismo galego que interveu (dentro do tempo de Podemos) a un simple «grazas» polo seu gratuíto apoio.

Porén, na súa primeira aparición ante os medios como Presidente (na televisión pública), o número ascendeu a catro, ao engadirlle Galicia (o que ten a súa lóxica dacordo coa D.T. segunda da Constitución) e Andalucía. Unha inclusión que non se explica nin polo que di a Constitución, nin os Estatutos de Autonomía; e que polo tanto só pode entenderse desde a lóxica partidaria interna, dado que xa no pasado tivo que escoitar as queixas do socialismo andaluz por excluír a esa Comunidade do listado das nacionalidades históricas. No seu primeiro discurso de toma de posesión como Presidente da Xunta, Núñez Feijoo citaba ao Álvaro Cunqueiro que, o día antes do referendo de autonomía do 28 de xuño do 36, chamaba á participación: «No tocante ao que unha Patria pide aos seus, se é, ou non se é». Para afirmar: «Eu quero ser». E concluír, tamén parafraseando a Cunqueiro, que «con ser, sendo, estando, cumpro a primeira das miñas obrigas galegas, e sirvo á virtude de defender e amar a Galicia». Unha forma de iniciar mandato que, coa perspectiva do tempo transcorrido, pode axudar a entender algunhas decisións recentes. Hai non moito a presidenta dunha Comunidade que reivindica o estatus emocional de nacionalidade histórica comparecía triste tras perder as eleccións ao liderado nacional do seu partido. Esa tristura non chamou a atención na capital do Reino. Si chamou a atención a emoción do presidente galego que, tendo garantida a elección como líder nacional do seu, renunciou á carreira. É difícil imaxinar aos presidentes de Cataluña ou Euskadi abandonando precipitadamente o seu mandato por unha responsabilidade en Madrid. Desde hai uns días tamén é difícil imaxinalo en Galicia. Nestes tempos nos que o sentir substitúe ao ser ou ao estar, unhas bágoas, coherentes co que se pensa e co que se representa, tamén serven para delimitar quen é, ou non é, nacionalidade histórica.