Pegadas

OPINIÓN

05 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No pasado era doado lavar os pecados, mesmo sen penitencia. O tempo curábao todo e o ser humano deixaba unha pegada fuxidía na realidade. Hoxe a cousa complicouse porque os rastros son públicos e vestir camisa lavada non está ao alcance de todos, e menos para ser ministro. As redes fixan unha memoria terrible. Velaí a urxencia dos últimos ministros de Sánchez e mesmo dos candidatos a presidir a RTVE que, danados, intentaron borrar a sucidade do pasado. Que se aquel «puto independentista» de Màxim Huerta; que se os dereitos dos animais hai que equiparalos aos das persoas, ao dicir do actual ministro de Cultura, ata a afirmación de que a escola privada achega unha excelencia maior á da escola pública, en palabras de Pedro Duque. 

En fin, ninguén ten un pasado impoluto e non nego a preparación do noso único astronauta, pero dubido que iso abonde para o cargo encomendado. Porque para ser ministro non se estuda, como tampouco para ser escritor, que adoita ser unha cuestión de ollada, capaz de facer superior o texto dunha nena ao dunha persoa culta e formada. Ás veces, o que importa é saber ocupar o noso lugar no mundo. Adoitan ser os outros os que deciden por nós. Velaí a anécdota de Valle-Inclán, cando un escritor incipiente lle pediu a opinión sobre o valor literario duns relatos. O autor das Sonatas leu os textos e, cando á volta duns días bateu co ilusionado principiante, viuse acosado pola pregunta teimuda do interese que podían ter os contos. Nesa altura, don Ramón preguntoulle ao aspirante se realmente estaba certo de gustar da creación, e este seica dixo entusiasmado: «Moito, don Ramón». E foi aí cando Valle-Inclán lle espetou cunha sinceridade disuasoria: «Pois, se lle gusta a creación, case e teña fillos».