Pegadas na Historia

OPINIÓN

Fernández Albor posa en una calle de Santiago.
Fernández Albor posa en una calle de Santiago.

13 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xerardo Fernández Albor deixou pegadas na historia. Deixou pegada na historia de Galicia porque, como el mesmo escribiu, o seu traballo como primeiro presidente da Xunta de Galicia foi o dun «apóstolo da autonomía». Asume a Presidencia tras unha etapa preautonómica que nin fora especialmente positiva nin comparable ás de Cataluña e Euskadi, e que quedara marcada polo lamentable «aldraxe» do Estatuto da UCD que suplantara ao «dos dezaseis». E comprende que o primeiro é facer apostolado, inxectar fe no autogoberno e construír consensos en torno ás novas institucións, nadas dentro do xeral escepticismo e a inxusta (como o tempo veu demostrar) crítica dos nacionalistas da esquerda rupturista. Abofé que o conseguiu. Deixou pegada na historia de España, porque foi quen, mesmo desde a presidencia da Alianza Popular que vive a súa primeira gran crise coa dimisión de Fraga e o fiasco de Hernández Mancha, de manter a bandeira da converxencia dos ideais do humanismo social-cristián (do que proviña, no Partido Popular de Galicia da Transición) e do liberalismo democrático. A súa práctica exemplar dun autonomismo que afortala a España que se integra en Europa contribuíu decisivamente, naquel momento crítico, a reforzar a ideoloxía dun refundado Partido Popular que pasa a integrarse na corrente social cristián e democrática europea. Un partido, cómpre recordar nestes outros momentos críticos, ao que sempre lle foi de lei. E deixou pegada na historia de Europa como presidente da comisión creada no Parlamento Europeo para a reunificación de Alemaña, un posto desde o cal non deixou de predicar que a Unión Europea fracasaría se non era capaz de combinar os intereses económicos e políticos coa reivindicación dos valores do humanismo cristián que xorden, precisamente, na peregrinación a Compostela. Faleceu un home que deixou pegada na historia de Galicia, na de España e na de Europa. Pero tamén na vida de quen foi, e é, amigo desde a nenez do seu fillo Ángel, e que por iso tivo a honra de tratalo de preto desde a tenra infancia na súa casa da Rosaleda. De quen lle debe moitos consellos, deses que daba transmitindo co afecto agromándolle nos ollos. Un deles particularmente oportuno estes días: non deixes de manter a calma, razoar e ser tolerante, sen caer na trampa de quen prefire os berros. Grazas, Xerardo.