O escritor e académico Arturo Pérez-Reverte promete que abandonará a RAE se a Carta Magna se axeita a unha linguaxe inclusiva para que os textos non esquezan as mulleres. A capacidade feroz deste académico para se parasitar nas polémicas non deixa de ser algo histriónico e infantil. Alguén debería dicirlle que falar claro e redondo non sempre é falar ben. Con todo, non me cabe dúbida de que o autor terá defensores das súas teses. Non hai máis que botarlles unha ollada aos periódicos para vermos os intentos de buscar o absurdo combinando e retorcendo as palabras para burlarse do anuncio da vicepresidenta do Goberno español. Pero as palabras, e o neutro, non son inocentes, e adoitan comunicar a nosa maneira de ver o mundo, o noso pensamento, a nosa ideoloxía. Secundo esta posibilidade de procurar unha linguaxe máis xusta que talvez axude a que a sociedade sexa máis intelixente e sensible. Moita xente pensará, coma Pérez-Reverte, do innecesario da medida, pero eu coido que sempre hai opcións para non discriminar as mulleres no texto. Facer o contrario é un xeito de nos afastarmos dunha realidade máis democrática. Non hai tantos anos tamén había quen se abraiaba e se negaba a pronunciar palabras como médica, xuíza ou ministra, femininos profesionais que a propia RAE se viu na obriga de incorporar como termos válidos. E convén non lle virar as costas á realidade, porque a linguaxe, lonxe de ser algo estático, é un ser vivo, en permanente construción. Así que, como o señor Pérez-Reverte adoita gabarse de ser cabaleiro e home de palabra, moitas e moitos agardamos, polo ben da sociedade, da Constitución e da RAE, que o Goberno non dubide en facer esa reforma, máis que necesaria, xusta.