Palabras de urxencia no pasamento de Víctor Campio

OPINIÓN

25 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Campio Pereira naceu en Garabás, nas terras de Maside (Ourense), o 13 de xullo de 1928, e deixounos onte, cando acababa de cumprir 90 anos. A súa poesía foi recolleita, co título O aire, a luz e o canto, no volume 13 da colección Arte de trobar, do PEN Clube de Galicia, dirixido por un dos grandes admiradores do noso poeta, Luís González Tosar, responsable doutras homenaxes. Anos antes, eu publicara unha antoloxía das súas composicións, poñendo o acento na lírica amorosa, na que era un singular autor, singular mesmo por cantar á esposa legal, Isabel Nolasco, non á amante (inexistente neste caso), como fixeron a maioría dos poetas, sen excluírmos a Garcilaso de la Vega e Pedro Salinas. O soneto Se chego no solpor, inspirado pola morte da súa muller, é antolóxico na poesía hispana. Trátase dun soneto elexíaco, e elexíacos son moitos dos seus poemas, pois Víctor Campio era fiel, por natureza literaria, a aquel precepto de don Antonio Machado: «Se canta lo que se pierde». E así o fixo en composicións excelsas como Nai e Pai. Víctor Campio, que era vital e popular sempre, foi, tamén sempre, culto, escolleito e coidadoso na linguaxe, mesmo nos artigos en prosa que publicou nos xornais de Galicia, algúns recolleitos nun fermoso libro titulado Escritos en do menor (Follas Novas, 2001).

Deste home, alleo a calquera dimensión escénica ou publicitaria, cómpre recoller toda a súa obra dispersa (prosa e verso). Esa obra fixo da lingua galega unha lingua máis prodixiosa, e, en canto a O aire, o luz e o canto, estamos ante un libro que enriqueceu non só a lírica galega, enriqueceu a lírica europea daqueles anos. Enriqueceuna en autenticidade e humanismo. A sobria autenticidade e o mellor dos humanismos atoparon na súa lingua de poeta excelso a mellor formulación.