Provoca arrepío saber que case a metade dos condutores falecidos o ano pasado en accidente de tráfico viña de consumir alcol ou drogas. Diante destes datos, o director xeral de Tráfico prefire aumentar os controis que endurecer as sancións. Xa veremos. A miña esperanza non é moita. Dende hai anos os expertos alertan do alto consumo de alcol, especialmente entre a mocidade. Aí atrás, Escocia mesmo fixaba un prezo mínimo para o alcol coa intención de reducir o seu consumo. Aquí non parece posible unha maior taxa impositiva, porque somos un país vitivinícola e, ademais, cunha cultura do alcol moi arraigada. Non hai mesa, nin festa, nin enterro, que non conteña un exceso de viño e licores. Nun internado en Cambados, a primeiros dos 70, no xantar dos domingos púñannos viño e gasosa a uns rapaces de 10 anos. Había exceso de produción e o alumnado facíalles a vendima a uns veciños que pelexaban polos internos máis gordos para pisar a uva. Era todo un ritual, hoxe impensable.
Emborracharse sempre saíu barato. Para moitos non hai alegría sen alcol, unha terrible desgraza. E si, hai que teimar nas medidas educativas e de prevención, pero tampouco estarían mal outras máis coercitivas. Por exemplo, quen nos ía dicir non hai tanto tempo que o tabaco ía estar fóra dos espazos públicos cando nós mesmos fumabamos nas clases ou nos hospitais? Co alcol, coido que non pasaría o mesmo, pero talvez se creasen espazos de conciencia e responsabilidade que reducisen, e moito, as cifras das mortes.