A fachada do Obradoiro vén de ficar baleira das súas estadas e brilla impoñente en todo o seu esplendor. Limpa coma unha patena. Pero tamén orfa daquela vexetación liquénica que lle imprimía uns matices e policromía que, sobre todo nos solpores, transformaba a obra de Casas Novoa nunha sinfonía de tons cobrizos e dourados que dialogaba e mesmo competía cos reflexos do mar de Fisterra no pór do sol. Probablemente esta limpeza intensiva fose necesaria, non son quen para discutila.
Pero isto non impide que sinta unha fonda nostalxia desa Xanthoria parietina, lique que os clásicos describían como composto por pans de ouro, que desde tempos inmemoriais tapizaba as pedras máis meridionais da catedral.
Nostalxia á que non serían alleos tampouco moitos escritores como Otero Pedrayo, que falaba deses decorados «delicadamente áureos», ou desas pedras de «oro y verdín» dos versos de Gerardo Diego, así como dos «líquenes dorados y cobrizos, de traza alucinante» de Martínez Barbeito.
Ou, sobre todo, de Eugenio D’Ors, que ao referirse a eles dicía: «Estas plantas, las más elementales y humildes en el orden de las criaturas, componen, sin embargo, para la catedral esta gloria, esta poesía, esta pátina que nos encanta…».
Posiblemente era necesaria esa intervención porque os restauradores, desde hai moito tempo, consideraron a colonización das pedras polos liques como un proceso que levaba inevitablemente á súa degradación.
E de acordo con eses principios deixaron impolutos arcos e perpiaños das vellas igrexas e mosteiros destas terras atlánticas e húmidas da Iberia.
De todas maneiras, nos últimos tempos estase a ler nas revistas especializadas que o suposto deterioro depende de moitos factores e que mesmo nalgúns exemplos se poden atopar procesos de bioprotección dos liques fronte a outros axentes agresivos da pedra.
A bióloga Daniela Pinna, no ano 2014, preguntábase nun traballo científico se os liques que colonizaban os monumentos pétreos «danaban ou protexían», e a resturadora Ornella Salvatori, dous anos despois, nunha ampla revisión, tamén publicada en revistas de referencia, sinalaba que «os liques poden achegar bioprotección ás superficies pétreas», aínda que polo de agora non se poden ter conclusións definitivas sobre o biodeterioro ou bioprotección destes vexetais.
Pero serán sobre todo os paisaxistas e conservadores británicos, tan preocupados sempre por respectar o «carácter do lugar», os que mellor valoraron as achegas estéticas dos liques cara ás paisaxes históricas.
Así, Sarah Robinson, directora do consorcio de conservación de igrexas inglés, formulaba no 2006 moitas dúbidas cara á súa limpeza, «porque a pátina de meteorización e liques engádelle carácter aos sitios».
Pode que fose totalmente necesaria a intensa limpeza da fachada do Obradoiro e que os métodos empregados fosen os axeitados, pero a sensación que agora me transmite a súa contemplación é semellante á dos monumentos dunha cidade castelá, onde estas cubertas vexetais serían impensables.
Dinme que non me preocupe, que ao final os liques volverán colonizar fustes e muros.
Porén, o tempo que empreguen será xa de varias decenas de anos, polo que, certamente, nunca máis volverei gozar deses reflexos de lume e ouro nos seráns da catedral.