Todo o rebumbio de másteres que acolle a prensa nestes días trouxo á miña memoria a Alfonso Otero, máis coñecido como Margarito, un dos profesores de máis sona na universidade, que mesmo chegara a saír na revista Cambio 16 nunha reportaxe que falaba dunha ducia de «catedráticos ósos» de toda España. Home pequeneiro, un nada lambido e co paraugas sempre colgado da gabardina, era profesor de Historia do Dereito en Compostela. Adoitaba facer moitos comentarios extravagantes en clase que nada tiñan que ver coa materia impartida. Agora que os periodistas andan a remexer nos expedientes académicos dos políticos e poñendo en dúbida a preparación dalgúns profesores universitarios que dirixen teses como as do presidente do Goberno, pensei neste profesor sobre o que había certos rumores de que tiraba os exames ao aire e só aprobaba os que caían na mesa. Teño que confesar que a cousa debía de ser certa, porque o día do exame había bastante barullo na clase e o profesor anoxouse tanto que, en vez de nos preguntar sobre Historia do Dereito, fíxonos preguntas de cultura xeral, tales como quen era o pai de Carlos IV ou os significados da palabra pendón. Non dei pé con bóla e, con todo, para a miña sorpresa, aprobei sen merecelo porque o exame debeu de caer na mesa. Se o meu creto de escritor dependese de que algún periodista publicase un destes exames, estaba aviado. Digo isto porque me parece que se están pasando moitas liñas. Poñer o foco nos docentes para cualificar a exemplaridade de Pedro Sánchez sería como cuestionar os títulos dos licenciados que aprobaron cun Margarito que, cando lle preguntaban polos rumores de que só pasaba os exames que caían na mesa, el negábao dicindo que non era una mesa senón unha banqueta.