Adiántanos a actriz porno Stormy Daniels parágrafos do seu libro para desvelar algún dos atributos íntimos de Trump, e vénme á cabeza unha profesora que coñecín nun instituto xa hai algúns anos, e á que -á pobre- o sentidiño lle andaba un pouco polas silveiras. Era tan extravagante que mesmo me inspirei nela para construír a personaxe dun relato. A verdade é que era unha incrible fonte de anécdotas, aínda que as súas clases debían de ser, por forza, un desastre. A primeira vez que entrou na secretaría do centro preguntounos quen era o director. Nesa altura non se me ocorreu outra cousa que enumerar algunha das características físicas del, para que o recoñecese. Pero, cando lle dixen que tiña o pelo cano e un bo bigote, ela mirou para min toda anoxada e espetoume que, por favor, non lle puxese atributos. Aquela reacción deixoume un pouco sorprendido e tamén me puxo alerta sobre as súas vindeiras extravagancias, que non foron poucas. Unha delas aconteceu un día, cando volveu vir pola secretaría toda sulfurada pedíndome as orlas do alumnado porque alguén puxera a fotografía dun cu espido na pantalla do ordenador da biblioteca.
Con certa precaución, expliqueille que nas orlas só viñan as caras do alumnado, ningún atributo máis. Pero ela teimou e buscou desesperadamente o rostro dun rapaz que, segundo ela, coincidía co cu do ordenador. Nunca soubemos como chegara a aquela conclusión, nin se o rapaz acusado fora realmente o culpable. O que si logrou a profesora foi que cada vez que mirabamos a cara do devandito alumno axiña aparecía a imaxe dun cu esbrancuxado, algo semellante ao que me pasa agora con Trump, que cando o vexo na televisión fórmase na miña mente a imaxe insoportable dun cogomelo.