Dende hai moitos anos, a tecnoloxía das redes facilitou moito as cousas para os investigadores, pero tamén para os que non o son e entenden que a información que circula por Internet está aí para ser usada, desprezando a autoría deses textos formulados por outros seres humanos que entregaron horas de traballo e sabedoría á súa confección. Esa propia tecnoloxía expansiva tamén se volveu en contra dos afeccionados a copiar e pegar. Agora moitos están a ser atrapados cando pretendían pasar as ideas doutros como propias. O que vén de lle acontecer ao presidente Sánchez co libro publicado no pasado coido que non ten a mesma envergadura dos agasallos que se produciron na Universidad Rey Juan Carlos, pero si demostra que, moitas veces, se cadra por preguiza, a xente prefire o camiño doado de apañar textos alleos coma quen apenas rouba media ducia de mazás. Hoxe, unha boa parte do alumnado universitario mesmo asimilou que investigar é o mesmo que buscar en Internet e copiar. Estas actitudes comezan no colexio. Todos copiamos algunha vez. Só que uns sabían facelo e outros non. No libro de Sánchez mesmo reproduciron unha errata «ente», no lugar de «entre», que era a correcta. Algo semellante ao que lles aconteceu a uns alumnos de Boiro nunha clase de Historia, logo de que un deles, que estaba sentado xusto detrás da rapaza máis lista da aula, copiase mal a palabra «Tartesos» e estendese o erro entre os outros compañeiros, que nunca escoitaran falar dese reino milenario de fabulosas riquezas. Cando o profesor corrixiu os exames, comprobou o calco do erro e axiña intuíu o motivo. E así, o día das notas, cunha cómica seriedade, espetou no medio da clase: os «tartiesos» todos «suspiensos».